Tino Álvarez, profesor de Tecnoloxía no Rosalía de Castro: «Eu pago por ensinar, así que mentres disfrute na clase non me xubilo»
SANTIAGO

«Cando cheguei quixen inculcar que nós podiamos crear e inventar cousas», revela
09 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Nacín nunha aldea de vinte nenos, Fumaior (A Fonsagrada), fun á escola unitaria e logo ao Seminario de Lugo, interno; foi durísimo, porque eu nunca saíra da casa e daquela non había teléfono. Ademais, sentíame inferior, porque ía moi mal preparado», conta con pudor Constantino Álvarez Muíña, xefe do departamento de Tecnoloxía do IES Rosalía de Castro de Santiago, que malia as dificultades de integración e o «sufrimento» inicial acabou o bacharelato con matrícula de honra. Recoñece que as matemáticas se lle daban ben e peor as linguas, pero apunta que quixo estudar algo máis práctico e matriculouse en Ciencias Químicas con ánimo de traballar nunha empresa. Así e todo, tras licenciarse na USC e facer a tesiña (hoxe, traballo de fin de grao) no Consello Superior de Investigacións Científicas, acabou sendo catedrático de Física e Química no ensino secundario. Pero antes de entregarse á docencia gozou dunha bolsa anual de Sodiga (Xesgalicia) na fábrica de papel de Brandía, que está no barrio de Vidán: «Alí aprendín moitísimo e tratáronme moi ben».
Álvarez leva catorce anos á fronte do departamento de Tecnoloxía, onde hai cinco ou seis profesores. «Cando cheguei ao centro había unha aula pequena sen recursos. E a mentalidade imperante era que inventen outros. E non é así. Temos que cambiar este pensamento e empezar a crear cousas nós, era a filosofía que tratei de inculcar, e o resultado foi extraordinario. Pero curso a curso, pouco e pouco», segundo afirma, mentres detalla un nutrido currículum de premios do seu alumnado. Os últimos, o mes pasado na feira educativa de estímulo científico Galiciencia, que se celebra cada ano no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), ubicado na localidade ourensá de San Cibrao das Viñas. «Participamos en Galiciencia desde o seu inicio hai vinte anos. É un acicate estupendo. A rapazada vén eufórica. E vexo como ganan en comunicación oral e perden o medo escénico. A propia feira foi un gran invento», subliña o veterano profesor.
Logo de tantos anos nestas lides, atrévese a dicir que a mellor rapaza que tivo foi Irene Armesto Gómez, que hoxe ten vinte anos e fai o dobre grao de Física e Matemáticas en París. E o mellor rapaz, Alejandro Rivero de Aguilar, que hoxe terá uns trinta anos, premio extraordinario de Medicina, entre os mellores mires de España e Tino cre que traballa en USA. «As rapazas destacan, porque maduran antes», conclúe este docente, que cando ocupou a praza en Santiago viña de ser director no IES Alfredo Brañas de Carballo. «Alí catro profesores fundamos o club a maxia da química, que consistía en facer prácticas espectaculares para axudar a vencer a barreira e dureza das materias experimentais», rememora con satisfacción. «Teño moi bos recordos da miña etapa de director en Carballo, daría para escribir un libro; pero, ante todo, son profesor. Eu pago por facer isto! Así que mentres disfrute non me xubilo», afirma.
Tino vai á Fonsagrada cada fin de semana e os veráns, onde ten súa nai de 90 anos. «A principios de século organicei alí a Semana da Ciencia con alumnado de toda Galicia. É a miña terra, que sempre amei. Por iso, prodúceme tristura que as nosas aldeas estean en perigo de extinción», lamenta.
Expo Tecno Rosalía é o nome da mostra que o centro fará o vindeiro mércores, na que se exporán medio cento de traballos e propostas sobre temas variados, entre eles as adiccións. Cartón e papel, madeira de contrachapado, placas controladoras (como pequenos ordenadores), cables e circuítos eléctricos, mecanismos e poleas son algúns dos materiais e obxectos que se exhibirán nos corredores do claustro, así como os proxectos premiados en Galiciencia. Anímense!