O restaurante da rúa de San Pedro, en Santiago, celebra o aniversario con música e reunindo a súa gran familia
16 jun 2025 . Actualizado a las 14:34 h.A proba de que un restaurante acada o éxito apréciase nese momento en que chega a cambiarlle o nome ás persoas. Jesús Coba Cascallar tiña apenas 24 anos cando cruzou o limiar da porta do número 16 da rúa de San Pedro para exercer de maître dunha peculiar casa de xantares que ían abrir catro socios —Juanjo, Fernando, Elvira e Vítor Belho— e que, en moi pouco tempo, soubo tecer un amplo círculo de amizades e fieis clientes que foron construíndo a alma dun local en gran medida responsable da rexeneración que viviu o vello barrio que corre parello ao último treito o Camiño Francés.
Van xa 30 anos da inauguración do Dezaseis. Ao hostaleiro Jesús Coba Cascallar, natural de Portas, ninguén o coñece xa polo nome do seu DNI. Para todos, mesmo para a súa gran familia, é Suso do Dezaseis, o carismático encargado da casa de xantares que en moi pouco tempo converteuse tamén en propietario, ao igual que o cociñeiro Gonzalo Lobato ou, en datas xa máis recentes, Avelino Martínez.
A festa de conmemoración dos 30 anos, celebrada no mesmo local este domingo, o único día da semana que ten as portas pechadas, congregou aos fundadores do Dezaseis e os socios que se foron incorporando despois. E tamén a decenas de amigos e clientes que ateigaron o local e a súa entrada da rúa de San Pedro nos instantes en que dentro actuaban músicos como Uxía Senlle, Felisa Segade, de Leilía, Guadi Galego ou Quim Farinha, que fora violinista de Berrogüetto.
Coincidindo co aniversario, O Dezaseis tamén inaugurou unha exposición, que poderá verse no local nos vindeiros meses, na que se recollen algunhas fotografías que foron cimentando a historia do restaurante. Tamén poden verse decorando as paredes os famosos pratos de madeira empregados para o polbo —produto estrela da carta— con reprodución de entrevistas. Nunha delas, publicada en La Voz de Galicia en xullo do ano 2000, Suso do Dezaseis confesa con sorna: «Un día un turista pediume unha ración de ‘carne al cubo'».
A lingua, e as traducións pedestres, sempre deron moito de si. Hai 30 anos, O Dezaseis foi dos primeiros restaurantes composteláns en ter una carta integramente en galego e a utilización de palabras como «á grella», «con tona» ou «sobremesa» non estaba ao alcance de todos, así que moitos clientes arriscaban a pedir para deixarse sorprender.
Personalidades do mundo da cultura, da política e do xornalismo, que conforman a parroquia habitual do Dezaseis, amosaron onte a cabeza polo local. Algúns deles saen tamén na vídeo serie que Noa Díaz vén de producir para compilar vivencias e anécdotas que tiveron lugar no local ao longo destas tres décadas.
«Ter chegado ata aquí significa moita amizade, moita xente querida, e iso é O Dezaseis», concedeu ilusionado Jesús Coba, que agora está máis lonxe do día a día do restaurante. Só o bo facer do novo maître, Ismael Ferreira, fai que a Suso se lle bote algo menos en falta na rúa de San Pedro.