Os sons urbanos incorpóranse ao Xacobeo cun festival no Gaiás

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

cedida

O Lingua Urbana celebrarase o 29 de agosto con nomes de referencia como Hard GZ

28 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A programación cultural do Xacobeo incorporará os sons urbanos á súa oferta, achegándose así ao público máis novo co Festival Lingua Urbana, que terá a súa primeira convocatoria o 29 de agosto na Cidade da Cultura. No Lingua Urbana, que nace con idea de continuidade polo interese que esperta entre a mocidade este tipo de sons e espectáculos, daranse cita nomes de referencia deste estilo musical como Hard GZ, MVRK, John Pollõn, Xina Mora e Parkineos, Borja Solla, Sote, Valensk8 e Carlos Barral, ademais do talento galego de Boyanka Kostova e 9Louro.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou onte xunto coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, na presentación deste festival. «Desde o programa Concertos do Xacobeo apostamos por darlle cobertura a novas propostas musicais abertas á mocidade e aos públicos máis diversos, con festivais que permanecen atentos a figuras referentes de xéneros como o urbano, que pisa forte nas listas de escoitas a nivel global», sinalou Xosé Merelles.

«A calidade e a diversidade son eixos fundamentais dos concertos do Xacobeo, que da man deste novo Festival Lingua Urbana achegarán ao público máis curioso a música de figuras de referencia da escena estatal e local, nun espazo tan emblemático como a Cidade da Cultura da capital galega», engadiu.

Atractivo turístico

Outro dos aspectos destacados deste festival, que segue a filosofía do Son do Camiño, é o recoñecemento de Galicia como unha comunidade co moito atractivo turístico na época estival.

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, celebrou a posta en marcha deste tipo de iniciativas «que prestixian a nosa lingua» e que, engadiu, «acaban erixíndose en ferramentas máis que efectivas para potenciar o emprego do noso idioma entre a mocidade».

Este festival está organizado por Wake Up! co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa Concertos do Xacobeo, con máis de 120 festivais, ciclos e concertos repartidos por setenta concellos de toda Galicia. Na provincia da Coruña, Concertos do Xacobeo suma máis de medio centenar de actuacións, e Santiago concentra este ano máis dunha decena de eventos como Maresía, o Gozo Fest, o Lingua Urbana, o Wake Up! No Gaiás ou o WOS Festival.