
A pandeireta foi protagonista nas creacións literarias dos mozos
05 jul 2025 . Actualizado a las 12:38 h.As instalacións de CLUN en Ames foron o escenario daentrega de premios do XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco, unha iniciativa que a marca pon en marcha cada ano para celebrar o Día das Letras Galegas. O evento, que celebrou o poder da palabra de todos os participantes, contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Patricia Miño, presidenta de Xacarandaina, ademais do equipo directivo de CLUN e do actor Luis Zahera, embaixador da campaña «A primeira 1906 non se esquece» de Cervexas 1906, empresa do mesmo grupo.
Na categoría xuvenil, os galardoados foron estudantes do IES Rosalía de Castro de Santiago. Adriana González emocionou co seu relato «Habelas hailas», unha homenaxe ás avoas e ás súas historias. Adara Soto ofreceu unha poderosa visión sobre a violencia de xénero en «Dunha pandeireta engailoada», onde a música se converte en refuxio. Gabriel Capón presentou «O cazador e a presa», un texto no que mergulla ao lector no silencio do monte e a dureza da caza. Na modalidade de adultos, Ramón Domínguez, de Fene (A Coruña), destacou con «Carmela», onde a protagonista intenta interpretar os sentimentos do seu namorado a través dos ferreños da súa pandeireta.
Tomás Rodríguez, de Monforte de Lemos (Lugo), en «Campo de artistas», recreou a vida dunha moza muda do Courel que logra cantar grazas a tocar a pandeireta. Gemma Rojo, de Saviñao (Lugo), contou a historia dunha moza que, tras perder a súa pandeireta, crea outra cunha tapa de pota e acaba conquistando os escenarios do país.
Os gañadores recibiron unha pandeireta e unhas tarrañolas conmemorativas, ademais dun lote de produtos da marca. Ao finalizar o acto, tiveron a oportunidade de visitar a fábrica láctea de Feiraco, coñecendo de preto o labor dunha marca que segue a defender a lingua e a cultura galega.
O certame confirma que Galicia non só é «campo de artistas», senón tamén de lendas, de historias e de tradición viva, segundo expuxeron o participantes no acto.