O Xardín de Rosalía suma dúas árbores senlleiras

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN

SANTIAGO

CEDIDA

A Camelia Rosalía de Castro e Loureiro dos Poetas xa forman parte do Catálogo Galego da Xunta

23 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Camelia Rosalía de Castro e Loureiro dos Poetas xa forman parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras da Xunta. As dúas están no Xardín da Casa de Rosalía, en Padrón, que onte recibiu a visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e da directora xeral de Patrimonio Natural, Sol Díaz. Foron recibidas polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e tamén polo paisaxista responsable do xardín e membro do padroado, Miguel Lois.

A camelia e o loureiro súmanse á figueira e Rosalía, que xa formaba parte do catálogo de árbores senlleiras. A Camelia Rosalía de Castro foi plantada na Casa da Matanza en 1968 na honra da escritora, creada nun viveiro portugués expresamente para ela. O Loureiro dos Poetas é unha árbore herdeira do loureiro diante do que se fixo unha das máis recoñecidas fotografías de Rosalía en 1884, a da familia ao completo, o que a converte nunha árbore con importancia histórica no país.

Anxo Angueira asegurou que, coa distinción das árbores, ademais de ser un centro de referencia cultural, a Casa de Rosalía destaca ademais por ter un «patrimonio botánico de primeira magnitude», ao tempo que falou de que hai outras árbores no xardín que está seguro que obterán o mesmo recoñecemento.

A conselleira Ángeles Vázquez destacou que o Xardín da Casa de Rosalía acada así a excelencia e lembrou que existe un turismo de árbores senlleiras, formado non so por especialistas, senón tamén por xente de a pe.

Coa entrada no catálogo galego da camelia e o loureiro, o concello de Padrón convértese no segundo de Galicia con máis árbores senlleiras, con 8, só por detrás do de Pontevedra, con 10.