A Deputación aproba axudas humanitarias para Ucraína

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Achegará 100.000 euros a un proxecto dun banco de sangue

25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno de onte un convenio de colaboración para apoiar o pobo ucraíno ante a grave crise humanitaria que segue provocando a guerra. Nesta ocasión, a institución provincial destinará 100.000 euros á adquisición de equipamento médico esencial para o Centro Rexional de Sangue de Odessa, un dos hospitais claves no suroeste do país. A acción desenvolverase en colaboración coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA Ucrania), que canaliza desde Galicia múltiples iniciativas de asistencia, tanto no propio territorio ucraíno como no apoio a persoas desprazadas.

A Deputación achegará 100.000 euros para un proxecto centrado na dotación de maquinaria específica para garantir o funcionamento básico dun servizo sanitario tan sensible como é o banco de sangue. A infraestrutura da sanidade ucraína leva máis de dous anos sometida a un desgaste brutal pola guerra, con constantes bombardeos, cortes de subministración e escaseza de recursos médicos. Neste contexto, contar con sistemas adecuados para recoller, conservar e distribuír sangue salva vidas todos os días, tanto no tratamento de feridas de guerra como noutras intervencións hospitalarias que non poden parar. A maquinaria que se financiará inclúe extractores de sangue automáticos, conxeladores rápidos, mesas refrixeradas, frigoríficos técnicos, seladores móbiles, conxeladores biomédicos e contedores con anticoagulante.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que «nun momento no que a guerra desapareceu das portadas, é máis importante ca nunca manter viva a solidariedade co pobo ucraíno, apoiar ás organizacións que están sobre o terreo e contribuír a salvar vidas con proxectos coma este, que atenden unha necesidade humanitaria moi concreta».

A distribución do material farase no terreo a través da organización benéfica Kolo Charity Foundation, colaboradora directa de AGA Ucrania, que traballa de maneira continuada na rexión de Odessa. A Deputación colabora con AGA Ucrania desde hai máis de dous anos, recoñecendo a súa labor seria, rigorosa e directa.