Alejandro Guillán, Baiuca: «É un perigo que mirar cara ao futuro signifique perder a nosa identidade»
SANTIAGO

O músico pechará mañá o festival Compostela Trad Fest cun concierto a partir das 22.30, na Praza da Quintana
26 jul 2025 . Actualizado a las 08:59 h.O tradicional non pode ser un obxecto de museo. É un ente vivo que ten que se reconciliar co presente á vez que mira cara ao futuro, sen perder a súa esencia. Esta é a identidade de Baiuca, proxecto de Alejandro Guillán que desafía o pasado, que busca reinventarse a cada paso e que o impulsou a actuar en Portugal e mesmo en Noruega na xira de presentación do seu último proxecto, Barullo, entre a vangarda electrónica e o popular galego. Antes, este domingo, a partir das 22.30 horas, poñerá fin ao Barullo do Trad Fest, no que o público poderá escoitar os temas do seu último álbum na praza da Quintana, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. O Compostela Trad Fest é un festival promovido polo Concello de Santiago e La Voz de Galicia, co patrocinio da Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Espina & Delfín.
—Volve a Compostela despois de estar en Bilbao coa xira «Fin do Barullo» a raíz do lanzamento do seu último álbum.
—Estamos moi contentos pola boa reacción do público. Está sendo un disco que funciona moi ben en directo, aínda que eu nunca fago os discos para que estean pensados para o directo. Ao final tamén me interesa estar no estudo traballando. É bonito ir a outros lugares e que a xente disfrute da túa música. A clave é aportar algo diferente. En Galicia temos a sorte de ter un montón de instrumentos e de características moi peculiares e súper especiais coas que a xente de fóra flipa moitísimo.
—Os seus últimos temas ímolos escoitar tamén este domingo na praza da Quintana. Que lle supón regresar a ela?
—Tiña moitas ganas de volver tocar nela desde o 2019, que foi a última vez que actuei na praza da Quintana polas Festas da Ascensión, despois de sacar o meu primeiro disco [Solpor]. Dende entón non volvín ter a oportunidade de actuar no centro da cidade. Ao final Santiago é unha cidade coa que eu me sinto moi unido, por todas as experiencias que vivín cando estudaba alí na Universidade. Ten lugares que me axudaron a inspirarme a compoñer a miña música. Por iso, alí sinto unha conexión especial co público. A verdade, cada vez que fun á Sala Capitol e mesmo ao Son do Camiño sinto que son datas moi especiais.
—Que nos imos atopar este domingo? Felisa Segade, de Tres Pesos, dicía que podería haber algunha sorpresa.
—Cadra moi ben que toque antes Felisa con Tres Pesos. Estivemos xa colaborando na Capitol e nos temas de Barullo e de Navajitas. Así que algo especial imos facer con ela.
—De onde xorde esta idea de modernizar ou reiventar a música popular galega cun tecno máis europeo?
—Ao final é atopar a túa identidade a través da relación coas túas orixes e da xente que che rodea. Foi un punto clave na idea deste proxecto. Desde entón a identidade galega sempre está moi presente e intento buscar un aporte diferente, facer algo que teña que ver co que eu son, coa música que quero facer e que sexa diferente á música que está a facer o resto da xente. Iso foi sempre así dende o minuto cero. De algún xeito, sempre tiven as ganas de facer un disco que sexa máis electrónico e que ata entón non sacara con Baiuca. Buscaba outras inspiracións nas texturas, na parte máis orgánica da música, ata agora máis centrada nos instrumentos tradicionais, nas voces máis puras da nosa tradición. En cambio, agora si que pensei nese punto de mirar ao presente e incluso ao futuro, no que a nosa identidade poida seguir viva. Non mirar a esa Galicia que nos dera nostalxia, que nos fixera pensar no branco e negro. A evolución de Galicia non ten que implicar convertela nun lugar global no que pode pasar algo que pode pasar en calquera parte do mundo e no que perdamos a nosa identidade e a nosa forma cultural. Pódese construír esa mirada cara adiante desde outras perspectivas. Temos que mirar ese futuro con esa evolución tecnolóxica e humana que estamos vivindo, pero que siga relacionado con Galicia. O perigo que hai é que de súpeto o futuro só se poida ver dun xeito no que non haxa identidade cultural.
—Falando de identidade, como é Alejandro Guillán?
—Teño curiosidade de seguir investigando, buscar inspiración e non ter ese medo de buscar esa diferenciación. Estes temas está compostos en momentos de espera nos que de momento sinto a necesidade de compoñer algo, por exemplo. Teño unha forma de traballar moi solitaria, pero ao final con este disco busquei colaboracións con outras voces [Carlangas, Felisa Segade...], diferentes instrumentistas.