María Eiras, Mareiras: «Pretendo reivindicar o papel das mulleres na arte. É moi necesario»

SANTIAGO

A creadora compostelá exhibe «Tras a pegada das musas» na Casa do Cabido
18 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Recórdome debuxando de sempre», asegura María Eiras (Santiago, 1976). Sen embargo, ata ser Mareiras —así asina as súas pezas— pasaron anos. «Cando rematei o instituto e carreira universitaria —fixen Psicoloxía—, abandonei un pouco esa parte artística. Despois, púxenme a traballar», detalla a creadora. Pero chegados os 30 anos decidiu dar un golpe de temón na súa traxectoria ao lembrar que «sempre quixera ser artista». Así que decidiu intentalo e púxose a estudar Belas Artes. No 2011 deu un paso máis ao abrir Mareiras Espacio de Arte na rúa Preguntoiro, onde combina a súa propia faceta artística coa docencia —«para min é imprescindible e necesario, son sinerxías que se producen entre esas dúas partes da miña vida que para min son absolutamente complementarias. Son dous mundos que me custa entender un sen o outro»—. A raíz da covid, decidiu incidir na súa faceta artística propia. Nesa nova etapa enmárcase a exposición Tras a pegada das musas, que pode verse ata outubro na Casa do Cabido.
A mostra recupera e reivindica o traballo das mulleres artistas partindo da idea das nove musas gregas. Mareiras toma «oito mulleres que foron musas e que protagonizan grandes obras da historia da arte, que, ademais, tiveron traxectoria creativa —son escritoras ou pintoras—, pero o seu traballo quedou eclipsado por ser ‘musas de'. Así, podemos ver a artistas como Celia Paul, que foi parella de Lucian Freud na súa xuventude, pero cando ela expón aínda se segue falando da musa de Lucian Freud», explica. Deste xeito, a artista plástica compostelá reinterpreta retratos da condesa Oldini, Isabel Rawsthorne, Suzanne Valadon, Bella Chagall, Lidia Delectorskaya, Teresa Arijón, Celia Paul e Ethel Warwick para ofrecer a súa propia visión. «Con elas trato de representar a todas as mulleres que foron silenciadas», sinala María Eiras, que tamén inclúe a súa musa, neste caso, un home, Fausto. Deste xeito, reverte o papel habitual ao longo da historia. «É unha reivindicación un pouco política ao tratarse dun home o que é observado ou o que inspira a obra de creación e unha muller a que o pinta», afirma.
Con este proxecto, Mareiras continúa coa súa liña de traballo sobre as mulleres creadoras. «Busco reivindicar o papel das mulleres na arte. [...] Somos máis as que estudamos Belas Artes, pero despois expoñemos menos que os homes. Se falamos de coleccións e de presenza en museos pasa o mesmo. Ás veces, pregúntanme se estas accións son necesarias, e eu penso que si é moi necesario», engade. Na mostra as súas pinturas, están acompañadas polos textos explicativos da profesora Begoña Álvarez Seijo, «para acompañar nesa reflexión sobre a necesidade de que as mulleres esteamos presentes no relato da historia da arte».
Esta mostra, que naceu no 2023 a raíz da lectura por parte de Mareiras do libro A muller pintada, de Teresa Arijón, estivo acompañada de accións en directo nas que a artista estivo pintando a Fausto en directo na Casa do Cabido. Con iso quixo facer unha pequena homenaxe a un dos usos que tivo o agora espazo do Consorcio, xa que foi estudo do pintor Mariano Tito Vázquez, e, por outra, incidir na divulgación da arte, unha aposta que queda patente tamén nas xornadas de portas abertas do seu espazo no Preguntoiro. «Para min poder pintar coa Berenguela en fronte foi toda unha experiencia. Ademais, a xente podía observar o modelo en vivo, e ven que o que un pinta non ten que ser unha fotografía exacta da realidade [...] Foi moi interesante ver como a xente lle interesa a arte», reivindica. En setembro haberá unha nova sesión en vivo co modelo, e para o peche prevé unha acción co seu alumnado. Mareiras teno claro: «A arte é para todos».