Pilar García Negro lembra a lealdade de Pousa Antelo con Galicia ao recoller o seu caxato
SANTIAGO

A cerimonia lembra cada ano o legado de «Lucho do Peto»
21 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Pilar García Negro, profesora, escritora e ex parlamentaria galega, conta desde onte co recoñecemento de ter entre os seus premios o caxato de Avelino Pousa Antelo, un símbolo de galeguidade creado pola Irmandade Avelino Pousa, a Irmandade Manuel María da Terra Chá e a Asociación Cultural Xermolos e que se entrega cada 20 de agosto, día do falecemento de Avelino Pousa Antelo, que pasou boa parte da súa vida na urbanización teense de Os Verxeles, que ten un paseo co seu nome.
Neste espazo, xunto a casa familiar, celebrouse onte o acto de recoñecemento a Pilar García Negro, que tamén recibiu un retrato do galeguista que lle fixo Heitor Picallo. A programación desta homenaxe comezou ao mediodía coa intervención de Xulio de Mondoñedo en nome da Irmandade Avelino Pousa e con Marica Campo de mantedora da homenaxeada, Pilar García Negro, que mantivo durante moitos anos unha estreita relación e sintonía persoal e ideolóxica con Avelino Pousa Antelo, moi coñedido tamén polo seu pseudónimo de «Lucho do Peto».
«Pola vosa xenerosidade ingreso hoxe nunha confraría da máis alta galeguidade: a que integrades todas e todos vós, mais, asemade, contraendo unha débeda de por vida: a de ser digna do voso recoñecemento e a de representar co debido respecto a persoa e a obra que dá nome e prestixio a esta distinción. Son moitos os méritos que ornan a persoa de Avelino Pousa Antelo, como mestre, como pedagogo, como agrarista e como impulsor cultural», sinalou García Negro ao comezo do seu emocionado discurso, para de seguido destacar de Pousa Antelo «a súa inquebrantábel lealdade á Galiza, á súa fidelidade ao nacionalismo galego do primeiro terzo do século XX, a súa loita por manter vivo o Partido Galeguista que o encarnara nos anos trinta a súa lóxica adhesión aos principios basilares daquel movemento, daquela ideoloxía e daquela práctica política: o dereito de autodeterminación, a necesidade de auto organización, a ruptura da dependencia tradicional, o actuar firme e desacomplexado, caxato en alto, se falta fixer...». García Negro quixo rematar ao seu discurso cun soneto de Marica Campo e cun «obrigada!».
No mesmo acto no que tocou, Raúl Galego, o gaiteiro Nubeiro, recibiu a insignia dun feixe da Fidelidade Galeguista.