Rodrigo Costoya: «Os capítulos máis descoñecidos do pasado galego son innumerables»
SANTIAGO

O obxectivo do narrador santiagués de novela histórica é difundir «esa riqueza extraordinaria que temos»
01 sep 2025 . Actualizado a las 21:15 h.Para Rodrigo Costoya todo o esforzo que se poda facer en prol da historia de Galicia non será suficiente. Danse pasos, iso si. El escribe, divulga e o 26 e 27 de setembro dirixirá as xornadas Compostela Histórica para dar a coñecer o noso pasado máis ignorado.
—Cales son eses capítulos menos coñecidos do pasado galego?
—Os capítulos serían innumerables. Para esta primeira edición [de Compostela Histórica] seleccionamos algúns temas no que os nosos relatores están moi especializados. Cando dicimos que son pouco coñecidos, non queremos dicir que estes temas non sexan coñecidos en absoluto pola poboación. Queremos dicir que tal vez entre a xente non hai o grao de profundidade que nos gustaría que houbese. Por exemplo, contamos con Carmen Blanco, que dará a coñecer os pormenores da Gran Revolta Irmandiña.
—Nesa idea de profundar na nosa historia, considéraa subestimada? Queda moito traballo de divulgación?
—Galicia é un dos territorios a nivel mundial que pode presumir de ter unha historia tan rica. Sinceramente, xa quixeran moitos Estados modernos ter a historia que ten Galicia. Son milenios os que temos documentados, os que están explorados a través da arqueoloxía. A divulgación que se fai, o coñecemento que a xente ten en xeral da historia de Galicia, non está á altura desa riqueza extraordinaria que ten Galicia.
—Tamén a nivel literario.
—Como escritor de novela histórica, levo xa publicadas cinco novelas e en todas elas, dunha maneira ou outra, falo da historia de Galicia. É un dos meus grandes obxectivos como novelista, difundir esa riqueza extraordinaria que temos. É certo que no eido da literatura, Galicia é unha gran potencia mundial. Poucos pódenos facer fronte, tanto pola calidade como pola cantidade de obras. Pero, en canto ao estado de saúde da novela histórica galega, segue sendo difícil estar á altura da nosa riqueza histórica. Si que me chama a atención a proliferación literaria doutros xéneros.
—Que representa para a súa traxectoria dirixir estas xornadas?
—Unha satisfacción persoal enorme. Ver as cousas que saen adiante, que as persoas ás que chamas [para participar] din que si de forma entusiasta, ver como a xente está disposta a sacalas adiante sen pedir nada a cambio, igual que facemos nós... Espero que esta primeira edición sexa a primeira de moitas. Fai falta todo o mundo para poñer en valor a historia de Galicia.
—Dicía Henry James que a novela histórica está condenada a fracasar porque é moi difícil recrear o que non se viviu. Sente esa dificultade?
—Estou de acordo en parte con esa afirmación. Todo o que contemos acerca do noso pasado ímolo contar cunha ollada do presente. Cos valores cos que fomos criados, cos nosos esquemas mentais, e por iso a nosa ollada cara ao pasado está condicionada. Todo relato faise dentro dun punto de vista. A fidelidade máxima a esa sociedade, a ese tempo, a esa época, a esas formas de vivir, ten unha importancia relativa, salvo esaxeracións extremas. O importante é que a xente se interese no pasado. A novela histórica ten un aspecto didáctico, pero, como dicía Luis Zueco, toda novela histórica é unha novela de aventuras. Non hai aventura máis grande que a historia do ser humano.
—Na súa última novela, El siglo del milagro, desmitifica a orixe do Camiño de Santiago.
—Claro, hai que distinguir entre o que é lenda, o que son feitos históricos e o que é a ficción. As lendas son tamén ficción. Hai novelas históricas que se basean en lendas, pero a min me parece perigoso, porque a xente ten que coñecer a verdade. O Camiño de Santiago foi sempre importantísimo para min. A súa lenda é inventada por un momento determinado por unhas persoas cuns intereses en concreto.