Rosalía Morlán, enfermeira e escritora: «Na poesía a palabra é importante, pero no mundo sanitario é fundamental»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Morlán, no hospital de Conxo, onde traballaba dende a súa apertura
Morlán, no hospital de Conxo, onde traballaba dende a súa apertura XOAN A. SOLER

A ecléctica sanitaria reflexiona sobre a necesidade de colocar a humanidade no centro: «Podo escribir un poema sobre a dor e no hospital case tocar esa dor»

15 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosalía Morlán Vieites (Trazo, 1959) convive entre dous mundos que poden parecer moi distantes, pero que para ela tócanse coa punta dos dedos. Supervisora de Enfermería no Hospital Provincial de Conxo, mestra desta disciplina na Universidade de Santiago (USC) e poeta. Esas son as tres almas que definen a unha muller que loita porque a humanidade empape un mundo no que ve «á xente máis irritada, máis acelerada. Sempre lle digo aos meus alumnos que un paciente esquece antes un mal pinchazo que unha mala cara, unha mala contestación ou que non lle fales. Iso si que doe. A palabra é importante na poesía, pero no mundo sanitario é fundamental».

Explica que a nena que naceu na aldea de Vilariño, en Trazo, definiu o seu futuro. Alí convertérona en filla predilecta, título que aínda a emociona: «Sentino como unha homenaxe a meus pais. Marchamos de alí nunhas circunstancias complicadas. Meus pais partiron de cero en Santiago e cunha nena de sete anos. Tiveron que pelexar moito pola vida». Aínda recorda a pensión no número 13 da rúa Nova na que se aloxaron e á que lle dedicou o seu poema Quilómetro 0: «De aí partiu a nosa vida, para ben, para moi ben». A pesar de que seu pai xa faleceu e súa nai sufre unha demencia, «dediqueillo a eles igual. Santiago é a cidade da miña vida, pero Vilariño é a miña gran aldea especial. Se non chego a nacer alí non sería quen son, nin escribiría o que escribo».

A fusión entre as letras e a saúde é algo que foi medrando co paso dos anos. «Empecei a traballar no antigo hospital de Galeras nos 80. Empecei como axudante sanitaria, que é unha categoría que xa non existe. Logo quitei a praza de auxiliar e finalmente saquei a carreira de Enfermería. Levo en Conxo dende que se inaugurou, aínda recordo o traslado que fixemos en camións do exército», explica.

Dende nena escribiu poemas, pero foi nos anos 80 que comezou a acadar os seus primeiros premios, que a levaron logo a publicar: «Son dous mundos que se complementan moi ben. Síntome moi realizada dende a enfermería e ademais para min é imposible non escribir. Para ser enfermeira tes que unha sensibilidade especial, o mesmo que para escribir. Hai quen di que a semente da poesía está nesa ansia de transmitir, de que algo che asombre e chegue o momento no que tes que escribilo». Considera que como enfermeira fai falla «esa sensibilidade especial, ter moita empatía e humanidade. É unha profesión realmente humana, onde os sentimentos están aí. Necesítalos para empatizar coas situacións, o mesmo para que logo cheguen a un papel. Podo escribir un poema sobre a dor e no hospital case tocar esa dor».

Recoñece que houbo momentos moi concretos que marcaron a súa obra: «Lembro moitísimas cousas da aldea de Vilariño, e tamén da de Vilouchada, a de miña nai, onde pasaba as vacacións de verán. É difícil desconectar da aldea, dos sentimentos, das lembranzas, das cousas que acontecen...». Entre esas vivencias, a traxedia de Angrois, que a Rosalía a colleu de garda no hospital: «Foi un xoves e o sábado naceu un poema co que rematei Nas rúas de Compostela. Saíu de dentro da alma».

Defínese como afortunada, como unha muller que tivo sorte de atoparse sempre a xente boa na vida, aínda que recoñece que hai unha cousa que ve a diario que lle doe: «Vexo moi soa á xente maior, antes iso non era así. Creo que non nos estamos portando ben cos nosos maiores. Debemos facer autocrítica porque lle debemos todo». É con eles onde esa humanidade que impregna as dúas facetas da súa vida volven a unirse: «¿Sabes a dor que se pode aliviar cunhas palabras? O trato humano é imprescindible».

O próximo libro. Rosalía Morlán adianta que xa traballa na idea de que o dragón Antón e o sapo Rosendo, personaxes de dous dos seus libros, visiten os Ancares: «Tócame poñerme a traballar». Sobre a súa traxectoria literaria, admite que «non teño grandes pretensións, pero disfruto moito escribindo».