
A segunda edición do encontro impulsado pola Deputación contará coas actuacións de Hugo Guezeta, Alana, Leria e Tiam GZ
30 sep 2025 . Actualizado a las 21:40 h.Santiago acollerá do 1 ao 4 de outubro a segunda edición de Mover os Marcos, un encontro que busca «abrir un espazo de reflexión sobre as tensións que marcan á mocidade de hoxe: a vivenda, o medio, as identidades ou os dereitos». Para iso, a iniciativa impulsada desde a Deputación da Coruña botará man de conversas, música, humor e «break dance». Entre os concertos atópanse os de Hugo Guezeta, Alana, Leria e Tiam GZ, todos eles con entrada gratuíta, igual que o resto das actividades.
«Festival para unha vida mellor» é o lema desta proposta que foi presentada onte por representantes da Deputación, o Concello, a USC, Culturactiva e participantes no programa. Do 1 ao 3 de outubro, o auditorio de Xornalismo será un punto de encontro para o debate a partir das 18.30 horas. O primeiro día a conversa xirará en torno a proxectos para vivir en galego e contará para iso coas voces de Carlos Callón, Alberto Pombo e Noemí García. O día 2 poñerán o foco no medio e a ecoloxía cun diálogo impulsado por Adega no que participarán creadores de contido como Blodiemuser e activistas como Rogelio Santos Queiruga. O ciclo pechará o día 3 coa conversa «Vivir na Galicia dos anos 20». Nela abordaranse cuestións de actualidade como os dereitos LGTBI, coa participación de Daniela Ferrández; a vivenda, coa Plataforma Vivenda Xa; e a inmigración, con Barry Elhadj Mamdou, de Guinea Conakry.
Pola súa banda, a Igrexa da Universidade, acollerá os concertos falados. O día 1, ás 21 horas, será a quenda de seguir a traxectoria de Hugo Guezeta nunha sesión conducida por Rodri Míguez. Ao día seguinte tomará o relevo Alana, que combinará conversa e música en vivo para amosar o seu universo creativo.
O sábado 4 o programa diversifícase coa Casa das Máquinas como punto de encontro e con actividades desde as 12 do mediodía ata a noite. Vella Escola encargarase de abrir a xornada a ritmo de «break dance». Despois, ás 13 horas, chegará o concerto de Leria. Xa pola tarde, os asistentes poderán seguir en directo o «podcast» Prendísima. Ás 17.15 horas será a quenda do Colectivo do Flow. Ademais haberá presentación de distintos proxectos creativos. O peche será co concerto de Tiam GZ.
«Estou convencida de que esta edición de Mover os Marcos será unha oportunidade para seguir derrubando barreiras e creando novos marcos de convivencia, creatividade e participación», afirmou a deputada provincial da área de Cultura, Natividade González, durante a presentación, indicando que a escoita e o diálogo pódense converter en ferramentas de cambio. Pola súa banda, a deputada de Lingua, Soledad Agra, engadiu que o proxecto «nace pola necesidade de buscar un espazo, físico e temporal, de encontro da mocidade». A vicerreitora de Estudantes, Pilar Murias, apelou á comunidade universitaria para participar nesta reflexión a través da cultura, mentres que o concelleiro Xan Duro incidiu en que o evento xera comunidade.