A cita, que se desenvolve o venres e o sábado en Santiago, incluirá charlas, teatro, música e un recital de poesía erótica
26 sep 2025 . Actualizado a las 04:55 h.O sexo centra a terceira edición do Festival de Filosofía de Galicia, que se desenvolverá hoxe e mañá en Santiago. Deste xeito, o Consello da Cultura Galega retoma unha iniciativa que xa puxo en marcha con anterioridade no 2020 —centrándose no concepto de liberdade— e no 2022 —abordando o pensamento feito por mulleres—. Nesta ocasión, conferencias, recitais e espectáculos poñerán o foco na relación entre sexo e filosofía, entre o corpo e o pensamento, entre pracer e palabra, entre ética e erotismo.
O Centro Sociocultural Maruxa e Coralia acollerá a actividade desta xornada inaugural a partir das 17.45 horas. O filósofo e ensaísta Carlos Ferández Liria, profesor titular de Filosofía da Universidade Complutense, ofrecerá a primeira conferencia centrándose sobre o que significa a palabra amor na expresión «facer o amor», para comprobar como o amor conecta cos temas máis importantes da filosofía. Este primeiro día completarase a partir das 19.45 horas co concerto de Meiga-i, que combina narración, canción e poesía para falar de diversidade sexual, prexuízos, memoria e comunidade.
Mañá sábado, as propostas comezarán ás 11 horas tamén no centro Maruxa e Coralia cunha conferencia da xornalista e investigadora Elena Lázaro Real, que profundará na figura de Hildegart Rodríguez Carballeira, precursora do pensamento feminista e da divulgación sobre saúde sexual e reprodutiva na España dos anos 20 e 30.
A continuación, ás 12.30 horas, séguelle un recital de poesía erótica protagonizado por voces novas da literatura galega, como son Andrea F. Maneiro, Diana Kurich e Clara Vidal, todas elas gañadoras do Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas. A súa palabra poética estará acompañada de música.
O colofón da xornada chegará ás 18 horas coa representación de «deseXo» por parte de Talía Teatro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). O espectáculo de nova creación parte da pregunta de como afecta a pornografía ás nosas vidas. Deste xeito, reflexiona en ton cómico sobre a ausencia xeneralizada da formación sexual. Ao remate, haberá un coloquio con Bárbara Penas, sexóloga e asesora do espectáculo. Aqueles que desexen asistir as distintas actividades deben inscribirse.