Maré despídese en Santiago co folk-pop da palestina Sol Band

La Voz

SANTIAGO

O músico Quico Comesaña
O músico Quico Comesaña XOAN CARLOS GIL

Nesta última xornada tamén se poderá ver o espectáculo de Kirenia Martínez e Antón Reixa, ademais de escoitar o primeiro traballo en solitario de Quico Comesaña

28 sep 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Maré pecha hoxe cinco días de intercambio entre culturas con Sol Band, unha formación palestina de folk-pop formada en 2012 na fronteira de Gaza. Non estará soa sobre o escenario da Sala Capitol a partir das 20.30 horas, xa que tamén a acompañarán a Frotilla de Artistas contra o Xenocidio. Haberá, ademais, a estrea dunha canción para Palestina escrita por Najla Shami. A entrada é de balde pero hai que retirar previamente un convite.

Antes deste concerto de clausura aínda queda moita actividade. As propostas comezarán as 12 horas na Igrexa da Universidade con Versos na Maré. Xosé A. Touriñán, Vero Rilo, Sara Porto e Xenderal, e Leti do Morraso amosarán a diversidade da oralidade galega acompañados por Peter Brea e Própole.

O resto de citas xa chegarán pola tarde. Ás 17 horas, na Casa das Máquinas, a bailarina Kirenia Martínez e o polifacético Antón Reixa ofrecerán «Cicatriz». A proposta mestura danza contemporánea e poesía para falar do corpo, da idade e da diversidade funcional.

A música regresará da man de Quico Comesaña Grupo, Quim Farinha, Santi Cribeiro e Anubía no Teatro Principal a partir das 19 horas. Comesaña, que foi membro fundador de Berrogüeto, presentará o seu primeiro disco en solitario, «Mãe». No concerto interpretará as composicións deste traballo así como versións de temas da súa etapa en Berrogüetto.

Por último, Sumrrá regresa esta noite á Casa das Crechas para pechar o festival a partir das 22.30 horas.