A poeta Antía Otero abre dez días de actividades dentro da Semana do Libro de Compostela

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A carpa instalada na praza da Quintana estará aberta entre 11.30 e 14.30, e de 17 a 21 horas

03 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 3 ao 12 de outubro • Praza da Quintana • Hoxe comeza a Semana do Libro de Compostela, a Selic 2025. A iniciativa, promovida pola Concellaría de Cultura de Santiago, contará coa participación de máis dunha vintena de entidades entre editoras, librarías, bibliotecas e institucións que darán vida á carpa instalada na praza da Quintana, do 3 ao 12 de outubro, en horario de 17 a 21 horas de luns a venres; e de 11.30 a 14.30 e de 17 a 21 horas as fins de semana.

A benvida será hoxe ás 17.30 horas, coa palabra da poeta Antía Otero. Ás 18 horas, conversa entre as escritoras Gemma Ruíz Palá e Teresa Moure, no marco dunha actividade titulada «Libros corais, sororidade e comunidade de lectoras». Ao remate, ambas firmarán libros nos postos de Numax e Através Editora. No posto de Pedreira, asinará exemplares Manuel Lourenzo González. E, para rematar a xornada, Faia Díaz presenta o seu segundo álbum, «Alvela», un traballo composto por arrolos, romances e cantigas tradicionais escollidas e observadas desde o filtro da maternidade. Será nunha conversa-concerto na que tamén participarán Antía Otero e as violinistas María José Pámpano e Elena Vázquez. Díaz asinará en Lila de Lilith.