
A primeira das citas será este sábado con Aracaladanza
11 oct 2025 . Actualizado a las 04:50 h.Pili Po, unha polbiña; Gael Po Alla, unha pinga viaxeira; Octavia Altiora, unha estrela de oito puntas; Lupa, unha loba valente; e Quercus de Conxo, un carballo sabio. Esas son as cinco personaxes que conforman A Tropa C, unha iniciativa coa que Santiago quere achegar a cultura ao público familiar. Estas personaxes acompañarán máis dunha trintena de actividades ata o vindeiro mes de maio a prezos accesibles ou de balde, que se desenvolverán no Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e a Casa das Máquinas, entre outros. «Queremos converter esta Tropa C nunha iniciativa integral de Santiago», remarcou este venres a concelleira de Capitalidade Cultural, Míriam Louzao, nunha presentación acompañada polo director-xerente do Auditorio, Xaquín López.
A estrea da programación desta Tropa C chega xa esta fin da semana. A primeira cita será esta tarde no Auditorio de Galicia (18 horas, 3 euros) coa compañía Aracaladanza, que foi recoñecida co Premio Nacional de Teatro para a Infancia e Xuventude hai quince anos. Escenificará a peza «Va de Bach», unha fantasía visual e coreográfica inspirada no universo de Johann Sebastian Bach chea de humor, cor, movemento e maxia escénica. Mañá domingo a cita será na Casa das Máquinas cos Xogos do Paporrubio (11 a 13 horas), unha proposta que convida a redescubrir o xogo tradicional e a cultura agraria. Está pensada para crianzas de entre un e doce anos.
Ao longo dos próximos meses, tamén destacan os espectáculos de Alodeyá, da compañía Federico Menini, así como unha coprodución do CDG, Galeatro e Xarope Tulú. Non faltará a gala do circo de Pistacatro nin os concertos familiares da Filharmonía e a Banda.