O Concello de Santiago promove o uso da lingua a través do deporte coa campaña Ficha polo galego
SANTIAGO
A campaña conta co respaldo de nomes propios entre os deportistas composteláns, como Vero Boquete, Borja Iglesias, Blanca Millán e Moncho Fernández
17 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Santiago pon en marcha estes días una campaña para promover o uso do galego, sobre todo entre os máis novos, tirando do atractivo do mundo do deporte, un ámbito no que moitos mozos buscan e teñen referentes. Baixo o lema Ficha polo galego, a alcaldesa e a concelleira de Deportes, Goretti Sanmartín e Pilar Lueiro, presentaron onte unha iniciativa coa que pretenden traspasar a fronteira municipal, unha vez que se asente na cidade.
Porque se o deporte pode ser un referente para promover o uso da lingua, a capital tamén pode selo a nivel da comunidade. Ten potencial para iso, segundo expuxo Sanmartín logo de dar conta dos datos do Instituto Galego de Estatística que sitúan a Compostela como a cidade galega «na que máis se usa a lingua propia»: máis de 41.000 persoas, o 44,5 % da poboación, fálaa sempre ou case sempre, e o 98,58 % enténdea. A capital está «na vangarda da defensa do noso idioma», apuntou a rexedora, responsable directa da Política Lingüística municipal e a quen acompañaron onte na presentación da iniciativa membros do Obradoiro CAB, a SD Compostela, o Club Atlético Fátima, Alto do Vento Fútbol Sala, o Club Hockey Compostela, o Club Voleibol Santiago, Tríatlon Compostela, Entrenarunning e ADB Fontiñas, aínda que son máis os que se teñen sumado a ese compromiso co galego, co obxectivo de chegar aos máis mozos e prestixiar a lingua.
Pero a campaña conta xa co respaldo tamén de nomes propios entre deportistas composteláns, como Vero Boquete, Borja Iglesias, Blanca Millán e Moncho Fernández, entre os de maior proxección, e de adestradores e representantes de clubs como Noa Fuentes, Adrián Dios, Carme Castro, ademais do xornalista deportivo Sergio Delpont.
A campaña estará nas redes, aínda que tamén en espazos físicos a través de lonas, carteis, pulseiras e vídeos, para os que se conta coa colaboración de varios clubs e deportistas.