Cineuropa lembra a Carlos Asorey: «Gravou a vida dos emigrantes galegos en Francia a finais dos 70»

La Voz

SANTIAGO

Fotograma do filme  Oficio de desterro  de Carlos Asorey
Fotograma do filme Oficio de desterro de Carlos Asorey Cedida

O festival proxectará o filme «Oficio de desterro» do cineasta amador compostelán este mércores no Salón Teatro coa presentación a cargo do investigador sobre a súa figura Xaime Varela

19 nov 2025 . Actualizado a las 04:50 h.

16 horas • Salón Teatro • Sete horas de gravacións en Super 8 incluíndo dous filmes: «Festa popular na montaña» (1978) e «Oficio do desterro» (1979). Un material filmado nos anos 70 por Carlos Asorey que cobra esta tarde protagonismo en Cineuropa ao cumprirse dez anos da súa morte. O festival proxectará «Oficio do desterro» coa presentación de Xaime Varela, historiador e investigador sobre a figura deste cineasta amador e cámara de televisión na TVG desde 1985.

 

Foi unha casualidade a que levou a Xaime Varela a dar co traballo filmado por Carlos Asorey, que naceu en Loño (Vila de Cruces) e que se trasladou a Santiago de rapaz para estudar no instituto Arcebispo Xelmírez. Despois de ir a Madrid, exíliase en París regresando en 1981 a Compostela. As gravacións —que foron depositadas na Filmoteca de Galicia— son moi heteroxéneas: van desde a emigración en París ata movementos sociais tanto na capital francesa como en Galicia, ademais de momentos de lecer e as viaxes. Unha vez dixitalizado este material, Varela atopou dúas películas «un pouco montadas, de maneira moi precaria, porque era un cineasta ‘amater' e facía o cine que podía e non o que el quería».

Este material de Carlos Asorey toma relevancia porque «gravou como era a vida dos galegos en Francia a finais dos 70». Inmortalizou como se divertían na asociación O Toxo, como traballaban as galegas de porteiras ou como tiñan unha habitación nos áticos a cambio da limpeza do edificio... «Ese material ten valor histórico, social, etnográfico, xa que é moi escaso. Hai fotos da emigración, pero estas non teñen movemento», engade Varela. O filme que hoxe se vai poder ver recolle París, pero tamén Galicia, con remate na praza do Toural, en Santiago, poñendo o foco na clase obreira e nos movementos sociais. Antes estreárase no ano 79 nun ciclo na Coruña e foi amosada o ano pasado no festival de Cans despois da súa dixitalización.

Varela resalta o descoñecemento que existe entre a maioría dos que trataron a Carlos Asorey ao seu regreso a Santiago sobre este traballo que fixo no ámbito do cinema. Ademais, chegou a traballar nun filme do cineasta chileno exiliado Raúl Ruiz. 

A figura de Carlos Asorey tamén dá nome a un certame para novos cineastas convocado pola Fundación A Solaina de Piloño (Vila de Cruces), que entregará este sábado o os premios da súa primeira edición.

Ademais de lembrar este cinema militante de Carlos Asorey, Cineuropa programa hoxe outras trece citas.