O FIADEIRO | O |
10 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O ACTUAL presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo (Barcala, 1914), inda non foi homenaxeado como debera na súa terra natal da Baña. O 14 de maio cumprir 89 primaveras plenas. E as honras e as persoas deben facerse sempre en tempo e modo. Avelino, o Lucho do Peto, posúe méritos sobrados para que se lle recoñezan en Seoane e no Concello bañés. Por mestre, agrarista e galeguista, que leva o nome de Barcala polo mundo adiante. Exerce sempre de barcalés, comprendendo o curruncho matricial como parte dun proxecto de prosperidade para Galicia, que debe pasar pola escola, o cooperativismo, os valores galeguistas e solidarios, co maxisterio cimeiro de Castelao. Pousa Antelo ten un pequeno monolito en Negreira -que debemos coidar-, outra gabanza en pedra no parque teense dos Verxeis -onde vive- e, hai pouco, o Concello de Pontecesures -onde fora mestre- decidiu darlle o seu nome a unha rúa local. O agardado recoñecemento da Baña non pode agardar máis. Concello e veciños deben tomar decisións xa. Porque en maio de 2004, Avelino terá 90 anos, que non idade temperá. E moitos queremos gozar con el, vivo e lúcido como está agora, dese día de festa que honre o seu nome hoxe, mañá, pasado mañá.