
César Ramos e Francisco Villaverde rememoran nun libro as actividades que comenzaron nos 70
21 jul 2025 . Actualizado a las 10:36 h.«Crónicas dos Campamentos do Val de Barcala» chegou esta semana ás librarías e está tendo unha máis que notable aceptación entre o público. Francisco Villaverde, exalcalde de A Baña, e César Ramos, quen fora monitor dos campamentos, son os autores deste libro despois dun arduo traballo de sete anos que por fin vez a luz. Contén preto de 150 fotografías, moitas delas en grupo, con deseño e maquetación de Pablo Villaverde, e cuxa edición foi financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Cultura.
Os Campamentos Val de Barcala (A Baña e Negreira), son historia viva da comarca e contribuíron decisivamente á socialización da xuventude «creando un vínculo» entre os dous concellos, a través dos seus emprazamentos en lugares de costa como Louro (Muros), Boiro, Porto do Son ou Corcubión: «Comezaron sendo comarcais no ano 1975, se ben os inicios foron nos anos sesenta capitaneados polo clero da comarca de Barcala. Desapareceron no ano 2005 xa baixo a tutela dos concellos e incluso nos últimos veráns coa participación de Santa Comba», segundo sinala César Ramos, quen engade que no último capítulo hai oito colaboracións dando a súa opinión: José Manuel López Tuñas; Pablo Vaamonde; Federico Silva (Firuco); José Montes Pérez; Javier Carnota; Mari Carmen Peñamaría; Diego Villaverde e Ana Isabel Iglesias Tojo.
«Levábamos sete anos con este proxecto desde que comezamos a entrevistar xente e logo houbo un retraso grande coa editorial, valéndonos de axuda para a maquetación, ou mesmo para a corrección lingüística como Carme Varela», sinala Villaverde, quen sinala o carácter «coral» do traballo. César di que cando a xente lea o libro «poderá comprobar que hai moito traballo detrás, porque hai preto de cento 50 fotografías que houbo que editar e moitos testemuños», precisou.
Paco Villaverde dirixiu os campamentos durante a súa etapa dourada, pero xa participara nas primeiras edicións cando eran os cregos da comarca como Bartolo, os encargados de organizalos: «Lembro no de 1975 que houbo unha vivencia especial en Mañóns, na parroquia de Abanqueiro (Boiro), onde estaba Amancio Liñares e a súa guitarra como alumno, e logo volvín no 1984 de rebote porque houbera un problema grave nos campamentos cando os monitores subleváronse se non había un cambio e tiven que mediar a petición deles e de xente como a cociñeira Josefina cando volveron para Louro. Había un cura que conseguiu facer os campamentos cando o resto de sacerdotes abandonaron e el, conseguiu facelos en Porto do Son. Pero ao ano seguinte, xa en Louro, os monitores reveláronse porque o cura non lles deixaba liberdade nas decisións e tentei mediar para que houbese flexibilidade porque eran rapaces que ían colaborar altruistamente». Finalmente, foi Josefina, a mítica cociñeira dos campamentos, quen convenceu a Paco para que quedase como director.