
Productoras lácteas tradicionais e primeiros promotores da festa protagonizarán, a terceira fin de semana de marzo, a edición cunha mostra sectorial con oitenta queixería, coa cociñeira Lucía Freitas como pregoeira, e cun cento de artistas locais nun espectáculo conxunto que forma parte dun festival con Xoel López, Mondra, Cariño, The Rapants, Capital Voscov, Os Melidaos e Xisco Feijoo no cartel
24 feb 2025 . Actualizado a las 21:50 h.Xornada significativa a deste sábado en Arzúa. Como todos os 22 de cada mes, a localidade acolleu unha das feiras que escriben a orixe da ancestral tradición que ten no concello a elaboración de queixos, e a data foi a escollida pola organización da festa que lle rende culto para presentar a programación cutlural do seu cincuenta aniversario. Nun escenario tamén significativo: nuha granxa leiteira que fornece de materia prima a unha queixería familiar anexa, representativa da importancia do sector primario na zona, e da economía paralela que xera a produción de queixos.
Na explotación gandeira e queixeira de Pilar Castro, na parroquia de Burres, presentáronse onte os actos cos que se conmemorará, a terceira fin de semana de marzo, o medio século de historia da Festa do Queixo, «un referente gastronómico e cultural na comunidade galega, e tamén a nivel estatal» que, ademais, na presente edición, será, defendeu o alcalde Xoán Xesús Carril (BNG), «unha celebración da nosa cultura, música, e da nosa xente que pon en valor o talento da veciñanza». Dende o do diseñador do cartel, Daniel Camino, ata o de quen será o mestre de cerimonias da festa, o humorista Xan Veiga. Xa coa programación na man, que debullou polo miúdo o concelleiro Daniel Moscoso, a quen o rexedor lle recoñeceu botarse ás costas o peso da organización da festa, as verbas de Carril materializaranse na dobre homenaxe que se celebrará o sábado, 15 de marzo, no marco da inauguración da cita gastronómico-cultural.
O recoñecemento será, por unha banda, para as mulleres queixeiras de Arzúa, «as verdadeiras gardiás dunha tradición que xeración tras xeración mantivo vivo o sabor e a calidade que fan do noso queixo un símbolo de identidade», anunciou Lucía López Sobrado, honrada, dixo, como concelleira de Igualdade de saldar unha débeda con esas mulleres que «contribuiron a a que o queixo axudase no sustento familiar, que traballaron dobremente na casa e no campo, cun traballo invisíbel e falto de recoñecemento tantas veces», engadiu. Elas serán «as protagonistas desta merecida homenaxe», xunto cos primeiros promotores da festa: «todas aquelas persoas pioneiras que, hai medio século, tiveron a visión e o valor de poñer en marcha esta celebración, porque grazas ao seu traballo e compromiso, hoxe podemos celebrar o medio século dunha festa que xa forma parte da nosa historia e da nosa memoria colectiva», explicou a concelleira arzuá.
Lucía Lopez tamén gabou a Lucía Freitas, a «pregoeira de luxo, que reivindica as nosas raíces e a nosa creatividade a través da cociña e, por suposto, o produto galego, como o noso queixo de Arzúa, que é protagonista de tantos pratos que ela ten creado». Como os que crearon as cociñeiras e cociñeiros arzuáns que asinan o libro colectivo «50 anos. 50 receitas. Un queixo», unha publicación que reflecte «a riqueza e evolución da nosa grastronomía», avanzou o concelleiro Daniel Moscoso sobre unha obra que se presentará na semana previa á propia celebración da festa. Unha carreira dende a veciña localidade de Melide, catas de queixo da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a presentación dun xeado elaborado con esa variedade galega de queixo, proposta pola factoría Bico de Xeado, e o concurso de tapas e petiscos impulsado entre os hostaleiros locais polo Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa tamén se programaron como antesala da Festa do Queixo, na que Arzúa reinvidicará, así mesmo, a súa identidaden cun espectáculo conxunto (O Son de Arzúa) que subirá ao escenario aos compoñentes da BMA (acrónimo de Banda de Música de Arzúa), da rondalla Moraima, e da agrupación de baile e música tradicionais O Bringuelo, «tres entidades musicais emblemáticas», afirmou o rexedor.
Festival musical en recinto aberto
Son máis de cen artistas locais que levarán o peso da sesión vermú do 16 de marzo, domingo, xornada tradicionalmente reservada no festival que acompaña á Festa do Queixo dende as súas orixes para a música do país. Estará representada nesta ocasión por Os Melidaos e por Xisco Feijoo. Capital Voskov, Mondra, Xoel López, Cariño e The Rapants completan o cartel musical, que comenzará e desplegarse sobre o escenario o 15 de marzo, sábado, a partir das oito e media da tarde, «unha hora antes que en anos anteriores, nun recinto aberto, con zona de food trucks, pantallas laterais, e lonas para o escenario que proporciona Toldos Gómez», explicou Daniel Moscoso. O apoio de empresas locais, como esa factoría líder no sector, tamén o agradeceu o alcalde de Arzúa, destacando que para a presente edición da Festa do Queixo reunírose «máis patrocinios ca nunca».
Mostra sectorial «de rércord»
O cincuenta aniversario da Festa do Queixo tamén rexistrará cifras de récord na mostra sectorial que estará aberta durante toda a fin de semana no recinto feiral Terra do Queixo. Reunirá a 80 queixerías (o ano pasado foron 52), «unha cifra sen precedentes», indicou Daniel Moscoso, para explicar que a alta participación obrigou a facer unha nova distribución dos espazos no edificio municipal. A planta baixa reservarase para as queixerías,e habilitarse o primeiro andar para as casas que diversificarán a mostra, con productos como chocolates ou licores. Serán 41 fronte ás 28 da última edición, «outro récord», apuntou Moscoso, que desvelou outra cifra para amosar «o cheo absoluto e o interese pola festa»: as 270 solicitudes que recibiu o Concello de Arzúa para a mostra de artesanía que se instalará nas inmediaciones do recinto feiral; en concreto, na rúa Padre Pardo.
A 50 edición da Festa do Queixo será «a máis completa e diversa de todas», concluiu o concelleiro. Como colofón a un acto que reuniu a patrocinadores e a artistas, e no que acompañou aos ediles do BNG a socialista Begoña Balado como membro do tripartito local, o alcalde de Arzúa estendeu un convite a «unirse a nós nesta celebración única, que é unha homenaxe á nosa historia, e unha promesa de futuro». Tamén a actriz arzuá Lidia Veiga, que despide un vídeo promocional, reivindicando a, dixo, «arzuanía», que, engadiu, «se celebra en cada anaco de queixo».