Un é español e está a ser xulgado por asasinar en Parla, hai tres anos, a súa exnoiva de 19, asañándose con ela ata darlle 42 coiteladas. O outro é marroquí e foi detido hai poucos días en Boimorto por maltratar a súa muller, de 28 anos, marroquí tamén, que fora obrigada a casar con el e chegou á vila hai dous meses. Este, ademais de canalla e covarde, é parvo, porque dá argumentos aos españois que acusan os inmigrantes de delincuentes e que nos casos de violencia de xénero non lles falta razón. Os datos oficiais din que das vítimas de violencia de xénero en España, 15 de cada mil son españolas e 76 de cada mil son inmigrantes. Nos casos de asasinato das propias parellas, os españois somos responsábeis do 23 % e os estranxeiros do 76,9 %. Son datos arrepiantes que unha sociedade democrática non pode permitir, pero o certo é que neste momento circulan por España 75.000 canallas con perfil de alto risco pola tendencia a agredir as mulleres. Son de distintas nacionalidades, os máis deles españois, claro; pero cunha diferenza: en todos os países a muller ten os mesmos dereitos que o home e en todos aborrecemos os maltratadores, agás nos árabes.
Un breve texto do Corán autoriza o home a empregar a violencia física coa esposa que non o obedece: «Amoestade as que se rebelen, abandonádeas no leito, golpeádeas». Sabios e profetas fan virguerías dialécticas para demostrar que eses versículos non representan o sentir dos musulmáns, obrigados por lei divina a coidar as mulleres e tratalas amorosamente; pero non debe de estar tan claro cando os imáns de Fuengirola, en 2006, e de Terrassa, en 2012, dixeron aos fieis que está moi ben zorregarlles de cando en cando. E sobre todo, porque o machismo árabe que percibimos cada día en torno a nós non pode ser máis noxento. Coido que o caso da filla do xeneral Mizzian ilustra claramente o que a muller é e vale no mundo árabe.
Fillo dun caíd marroquí fiel a España, Ben Mizzian ingresou con 16 anos na Academia de Infantería de Toledo. Despois, co rango de comandante, combateu a carón de Franco en África e en xullo de 1936 uniuse á sublevación militar. Das atrocidades que el e os seus soldados cometeron cos vencidos, incluídas as violacións de mulleres, falan historiadores nada sospeitosos de roxería. Rematada a guerra, Franco nomeouno capitán xeral de Galicia e despois de Canarias.
Foi entón cando a súa filla Zelija e Guillermo de Olózaga, capitán do Corpo xurídico do Exército e sobriño de Martín-Artajo, ministro de Exteriores, casaron en secreto polo rito católico. O cabreo de Mizzian foi enorme, pero meses despois, cando volveu a Marrocos para organizar o Exército, finxiu aceptar a voda e convidounos a visitalo. En canto chegaron a Tetuán secuestrou a filla e enviou o xenro con escolta á fronteira de Ceuta.
Franco comentoulle ao seu curmán e secretario: «Le he manifestado al ministro del Ejército que no se meta en este asunto».
En 1966 Mizzian volveu a España como embaixador de Marrocos e Franco levou una grande alegría.