X. Amancio Liñares Giraut fai unha lembranza do poeta de Logrosa
24 dic 2017 . Actualizado a las 05:05 h.Vésperas do Nadal, 2007. Ós nosos folgos e letras tocáralle unha lotería ben ruín: a morte de Pepe Ardeiro (Xosé M. López Gómez, Logrosa, 1944), o bardo sardónico e telúrico, suxeito de amores, desamores... E a outro Pepe amigo -Ponte Far- caéralle esa pedrea fúnebre en Ferrol. Dende aquela, por fidelidade fraternal, teimou este seu veciño literato en lembrarnos sempre a memoria sentida e amigable do Ardeiro, mesmo con libros póstumos.
No pasado sábado en Dodro puiden revivir a ocasión -1988- na que acompañara ó prezado Ardeiro na recollida do primeiro premio poético Eusebio Lorenzo Baleirón. Moitos recordos. Tantas veces á beira daquel amigo fulcral barcalés, que ocasionalmente exercía de marxiano, de Karl Marx, e a cotío facía gala do xenial marxismo dos cómicos irmáns Marx. Todo ben regado e no segredo do humor.
Antonte, un novo acto co certame de versos do Concello negreirés (sexta edición), que leva o seu nome. Unha velada con música -trío Oîma-, como lle gustaría ó Pepe rapsodo da Chancela. E na evocación da década sen el, dei con esta foto feita a pé do fogar de Avelino Pousa, nos Verxeis de Teo. Era un festivo primaveral do ano 1993. Agás a quen isto escribe, inda sobrevivente, a esta boa xente levóunola xa ó alén un ominoso bombo loteiro, sen ningún reintegro. Tempus fugit! No retrato, de dereita a esquerda: Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Amancio Liñares, Xosé Neira Vilas coa súa dona -Anisia Miranda- e o arteiro Pepe Ardeiro, portentoso e pillabán.