«As unitarias son escolas de afectos»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez DODRO / LA VOZ

DODRO

MERCE ARES

Despois de 35 anos en Dodro, Pilar Landeira despediuse da docencia no centro de Chenlo con moi bo sabor de boca e agradecida por todo o que ela tamén aprendeu

16 oct 2019 . Actualizado a las 08:41 h.

«As unitarias son as escolas dos afectos». Quen o di sabe do que fala, xa que Pilar Landeira Zanza exerceu durante 36 anos, a excepción dun, nunha escola unitaria, a de Chenlo, no concello de Dodro. Con 60 anos acaba de despedirse da docencia e, en parte, tamén de Dodro, que levará sempre no seu corazón. «Eu síntome un pouco de Dodro», asegura Pilar, quen neste concello asumiu o seu primeiro destino provisional con 24 anos. Da escola de Chenlo só marchou un curso, a unha de Negreira, para volver definitivamente a Dodro.

«Daquela pedíase o destino coma se fose nunha feira», lembra a mestra que elixiu Dodro por proximidade ao seu domicilio en Santiago. Pilar Landeira chegou ao mundo educativo case de casualidade, porque ela estudou Psicoloxía e Fotografía e, a iniciativa dunha amiga, presentouse ás primeiras oposicións que se convocaron para educación infantil, e sacou a praza.

Botando a vista atrás, conta que, en todos estes anos, ela tamén aprendeu, cos nenos e coas familias, e iso foi a «parte máis bonita», confesa. Cos nenos, di, «a estar o mellor posible na escola e tamén a aprender o máis posible». Para as familias non ten máis que palabras de agradecemento, e máis despois da pequena festa que lle organizaron a modo de despedida, un encontro que sorprendeu e emocionou a Pilar Landeira, quen onte destacou o «compromiso» desas familias.

Cando ela chegou á escola de Chenlo a aula era como as que hoxe se poden ver no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), cos pupitres antigos de madeira e o buraco para o tinteiro, segundo conta. «Eu nunca vira unha escola rural e sorprendeume», recoñece a docente, que se criou en Santiago e estudou nun colexio de cidade. Pero non tardou en gustarlle o sitio e o modelo educativo, que aínda defende hoxe.

Un modelo e uns anos que resume como unha historia de afectos; de poesía (Dodro está moi vinculado á poética, e na escola de Chenlo estudou Eusebio Lorenzo Baleirón) e de compromiso. «As unitarias son escolas onde se moven os afectos, onde se imparte educación corpo a corpo», asegura Pilar Landeira, en alusión a que é un modelo moi próximo ao alumnado e ás familias.

No caso da de Chenlo fala de que «me conectou coa miña infancia» nun Santiago no que a zona que hoxe é a praza Roxa eran casas da aldea, unha delas a de seus pais, na que se mataba o porco e se cultivaban patacas nun agro situado tamén nesa área.

Entre os cambios máis significativos destes anos destaca a redución do número de alumnos, aínda que, en máis de tres décadas de docencia, ela ensinou a máis dunha xeración. Deixa a aula para dedicarse á familia, pero tamén para retomar a fotografía e a literatura, e non agocha que lle gustaría escribir un libro sobre a súa etapa na escola de Chenlo.

Seguramente material non lle falte, sobre todo do afectivo, porque a mestra insiste nese trazo da educación nas unitarias, onde se imparte un modelo que teme que estea en «perigo de extinción».

Sobre se teñen ou non futuro este tipo de escolas, Pilar Landeira di que deberían telo porque, polas súas condicións, «son auténticos laboratorios de innovación educativa, e mesmo responden a moitos dos problemas que ten a educación hoxe en día», explica. «É un privilexio estar nunha escola unitaria», conclúe con sabedoría.