O monte Cruz do Avelán, en Dodro, está máis libre de acacias

Uxía López Rodríguez
uxía lópez DODRO / LA VOZ

DODRO

cedida

Trinta persoas voluntarias participaron na limpeza ambiental

25 ago 2024 . Actualizado a las 05:05 h.

Preto de trinta persoas voluntarias participaron onte pola mañá na actividade ambiental convocada polo proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) para a eliminación de acacias no monte da Cruz do Avelán, na parroquia de San Xoán de Laíño do concello de Dodro.

Choiva incluída durante boa parte da mañá, a Fundación Montescola, como entidade participante no proxecto CAPRIF-CC, foi a encargada de coordinar os traballos, que se centraron na eliminación dos rebrotes de acacia negra nunha zona na que a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Cruz do Avelán xa realizara tarefas de limpeza hai meses. O director da Fundación Montescola, Joám Evans, explicou que accións de voluntariado como esta axudarán aos comuneiros a «recuperar un bosque de ribeira en toda a zona, que estaba totalmente invadida, para que sirva de cortalumes verde e de corredor de biodiversidade».

Precisamente, unha das liñas estratéxicas de actuación do proxecto CAPRIF-CC consiste na creación de paisaxes biodiversos e resilientes a través de diferentes accións. O presidente dos comuneiros do Monte da Cruz do Avelán, Jacobo Rodríguez, fixo unha valoración positiva da xornada. «A pesar de que o mes de agosto é un complicado debido ás vacacións e de que o tempo parecía que non ía acompañar, conseguimos reunir a un grupo de trinta persoas» que, engade, puideron coñecer «os proxectos que está a facer a comunidade», sen contar que «fixemos un bo traballo. Sen dúbida, repetiremos e seguiremos colaborando co proxecto ambiental».