Os Reiceiros de Ponte Carreira, 38 anos de cantos: «Nós non anunciamos nada, a xente xa sabe que imos»
FRADES
Un grupo de 25 persoas percorreron Frades e municipios limítrofes poñendo voz e música ás coplas tradicionais
07 ene 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Querían recuperar a tradición de cantar os reis. Para iso acudiron á parroquia de Añá (Frades) porque sabían que a súa veciña Carmen tiña esas coplas na súa memoria. Agora, interpretar esas vellas cancións xa é outra tradición. Os Reiceiros de Ponte Carreira levan 38 anos consecutivos percorrendo non só Frades, senón tamén outros concellos limítrofes interpretando os días 5 e 6 de xaneiro «Reices de Añá» e «Reices das mozas». Este ano non faltaron tampouco á cita e máis de medio cento de veces soou ese «Buenas entradas de reices, tenjan vuestras señorías / tenjan vuestras y otras mas-e, muy alejres y festivas. / De Oriente salen tres reices, todos tres en compañía, / no prejuntan por posada, ni menos por monarquía...» dos «Reices de Añá».
Un grupo de 25 persoas de Os Reiceiros —voces e un gaiteiro— percorreron o domingo durante todo o día Mesía, Carral, Ordes e Oroso, ademais de Frades. Onte pola mañá xa se centraron en Frades, acudindo a Gafoi, Añá e Ledoira, ademais de locais de hostalería de Ponte Carreira. É precisamente en bares e restaurantes onde levan a cabo a maioría das interpretacións. Tamén cantan as coplas en igrexas e nalgunha casa. «Nós non anunciamos que imos cantar os reis, non fai falta porque a xente xa o sabe», explica Toni Villaverde, gaiteiro de Ordes que se mergullou nesta tradición hai media ducia de anos da man dun dos fundadores do grupo «e xa non marchei».
Aínda que cando comezaron hai 38 anos todos os integrantes deste grupo eran de Ponte Carreira, agora súmanse tamén doutros puntos limítrofes, sobre todo de Ordes e Oroso. Este ano contaron tamén con algunhas voces chegadas de Mondoñedo e Vimianzo que querían participar na tradición. Iso si, hai algúns que levan os 38 anos. Trátase de Jesús Manuel, Alfonso e Lino. Deste xeito, no grupo conviven homes e mulleres de distintas xeracións, xa que a persoa máis nova ten 16 anos e as máis veteranas superan as oito décadas. Cal é o segredo para acadar estes 38 anos de Reiceiros? «Á marxe do que supón de recuperar unha tradición —que agora xa se converteu noutra—, é o ambiente de dentro do grupo. Xuntámonos e pasámolo moi ben. Ademais, vemos a moita xente», responde Toni Villaverde.
Onte unha das interpretacións máis emocionantes foi cando acudiron á casa de Carmen, a muller que lembraba as coplas e á que se dirixiron o cura da parroquia e Jesús Manuel Iglesias hai case catro décadas para que llas cantase. Grazas a memoria de Carmen e a ese traballo de recollida para evitar que se perderan, hoxe permanecen moi vivas. «Ten moito mérito levar 38 cantando a mesma peza. Ademais, é nosa, propia de aquí», destaca Villaverde.