
A programación ata final de ano mestura jazz, folk, pop e rock, entre outros estilos
18 oct 2018 . Actualizado a las 04:55 h.Jazz, folk, pop, funk, rock, heavy metal... A programación da Rede Galega de Música ao Vivo, un circuíto impulsado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), afronta a recta final do ano cunha quincena de propostas en Santiago caracterizadas pola súa variedade de estilos.
Eladio y Los Seres Queridos será o próximo concerto en Compostela no marco desta iniciativa dependente da entidade adscrita á Consellería de Cultura. Actuará o día 27 en Moon. A este mesmo espazo, ata final de ano, chegarán a mestura entre música de raíz e electrónica de Lesuit (9 de novembro); Nicolás Pastoriza co seu novo traballo Pyme (11 de novembro); a fusión de estilos de funk, rock, pop e reggae pero sen esquecer as influenzas do seu Brasil natal de Gustavo Almeida (23 de novembro); e, para rematar, Vandallica (15 de decembro), grupo tributo de Metallica.
Pola súa banda, Casa das Crechas programou seis citas no marco da Rede Galega de Música ao Vivo en novembro e decembro. O próximo mes abrirá a programación deste circuíto Proyecto Entremares (día 8). O dúo formado por Daniel Santos (guitarra) e José Luis Fraga (clarinetista-saxofonista) achegará a mestura de música clásica e jazz cunha forte influencia das músicas atlánticas e o flamenco. A semana seguinte tomará o relevo Xoan Curiel (15 de novembro) cos seus temas propios e músicas a partir de poemas. Seguiralle o folk de Pepe Vaamonde (22 de novembro) e o jazz de Alejandro Vargas (día 29). En decembro, Talabarte ofrecerá temas do seu disco Fake (día 13) e Aló Django (día 20) pechará a programación co seu gypsy swing.
Catro son as propostas que ofrecerá Borriquita de Belém no que resta de ano no marco da Rede de Música ao Vivo. O día 30 de outubro actuará Marcel Pascual Rollo. Xa en novembro están programadas dúas citas. O rockabilly de Mad Martin Trío soará o día 13 e Marta Sancho (clarinete), e Jorge Abreu (piano) animarán a xornada do 27. O peche da programación será o 11 de decembro con Greenwater, grupo tributo á banda de rock Creedence Clearwater.
En Melide, A Fundación e Pub Gatos programan sete concertos no que resta de ano. Mañá venres, en A Fundación, actuarán De-xeneración. Tamén pasarán pola localidade Eladio y Los Seres Queridos, Ejazz, Tanxugueiras, Blues do País, Rock & Love e Greenwater.