Furelos recrea no Camiño a vella aldea

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

NOGUEROL

O núcleo xacobeo de Melide representa o xeito de vida de principios do século XX

24 sep 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

Contan con cariño en Furelos que, este año, Andrés «de Lapelo», que é como se lle coñece, ten pena de non poder participar no encontro anual no que os veciños deste núcleo xacobeo ás portas de Melide lle amosan ao mundo como era a vida na aldea a principios do século pasado. Por causa de forza maior, ao home resúltalle imposible desempoar a roupa de faena de outrora para ensinar esta fin de semana un dos vellos oficios dos que Furelos pode facer bandeira. Foi telleiro, o mesmo ca Manolo Valiño, Xesús Segade e ca súa irmá Maruja, os veciños que, dende onte, reivindican esa actividade como parte que é da historia e da memoria colectiva da aldea.

NOGUEROL

Vinte e cinco postos de artesanía e gastronomía compoñen o atrezo vivo da viaxe ao pasado á que convida o bautizado como «Mercado de Época: Furelos no 1900». A proposta chega consolidada á sexta edición coa participación activa de máis de medio cento de persoas; «practicamente, toda a parroquia», apunta Sara López. Ela está ao fronte dunha taberna familiar que camiña cara os sesenta anos de traxectoria. Onte, hoxe, e o resto do ano tamén. Non ten alternativa. «Teño que ser taberneira», resígnase. É o máis práctico, porque tanto se encarga de organizar á xente como de recibir á directora do Mupega, que aporta o mobiliario da vella escola que se recrea na casa-museo da aldea. Se alguén precisa de algo, Sara, sempre disposta e resolutiva, é o contacto de referencia. Énchea de orgullo a implicación dos veciños, que poñen en escena a pretérita vida na aldea, caracterizados como o cura, o sancristán, o carteiro, o garda civil, o afiador, ou o limpabotas, entre outros personaxes da época. A eles, atribúelles a taberneira o mérito de que o de Furelos non sexa un mercado de época ao uso. «Son a clave», afirma. Por iso, «cada veciño métese no seu papel», explica Rosa, caracterizada de monxa de convento, xunto coas súas veciñas Lara, Marisa, Isabel, Pilar e Mari Carmen. Participan «porque queremos que isto teña vida». Orgulloso tamén, Delmiro López di que «basta que sexa no pobo para ter ganas —de participar—». Faino na pel dun emigrante retornado de Cuba. O papel de barbeiro tocoulle desta volta a Benigno Valiño. Conta coa cadeira e os utensilios propios do oficio, que presta a filla do finado melidense Plácido Varela.

Mercado de época con artesanía, gastronomía, teatro, talleres e música de raíz

A colaboración da xente é algo que valora como extraordinario Brais Otero, responsable de La Fábrica de los Manjares, a empresa de Ferrol encargada de reunir aos artesáns e hostaleiros ambulantes para o mercado de época de Furelos.

«No quedan muchos sitios en los que el pueblo se integre y reciba a los feriantes como lo hacen aquí los vecinos», apunta Brais Otero, encargado dunha programación con música, teatro de rúa, espectáculos de lume, e talleres de, entre outros, esparto e madeira. Froito Novo e Herba Grileira poñen a música de raíz á cita, «unha escusa para volver a Furelos», di Sara López. Para regresar e para prolongar as vacacións, que é o que fan Marisa Mosteiro e Benigno Valiño, oriúndos emigrados no País Vasco. «Furelos no 1900» é tamén unha cita aberta a quen guste de participar na viaxe que propón ás orixes dun.

De feito, «está vindo xa algunha xente de Melide, que é o que queremos, porque aquí somos poucos e maiores», comenta Sara López, que, con 48 anos, é das máis novas. Os telleiros, de feito, «soben todos dos 85 anos», engade.