Melide recrea a Santa Compaña con máis de 80 veciños e numeroso público na rúa

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

A vila reivindica e espalla a tradición propia na véspera do Día de Santos

01 nov 2023 . Actualizado a las 14:30 h.

O calendario quixo que a de onte fose unha noite de lúa chea. Repleta e luminosa. Como a do «Romance da Lavandeira», a composición de orixe popular que conta o penar no inframundo das mulleres que, en vida, non quixeron un fillo de seu. Musicada por vez primeira por Fuxan os Ventos, volveu sonar por boca de quen foi unha das súas compoñentes: Maruxa Fuciños, que lle puxo voz á posta en escena coa que arrancou en Melide a procesión da Santa Compaña. Máis de oitenta veciños participaron —debidamente caracterizados, interpretando diferentes papeis— na recreación desa antiga crenza coa que a vila reivindica e espalla a tradición propia na véspera do Día de Santos.

O tempo frío tamén acompañou, e ambientou, a procesión de ánimas, que levantou da rúa San Xoán, onde antigamente se atopaba o cemiterio parroquial de Melide, a estadea, a figura espectral —e solemnemente representada— que dirixiu, nun percorrido polas principais rúas do casco urbano, a trintena de veciños que se caracterizaron como almas. O paso da Santa Compaña, organizado en cuarta edición polo museo etnográfico da comarca, acompañouse de dramatizacións como as que tiveron de escenario o cantón de San Roque. Ás portas da súa capela, a interpretación de dous curas exorcizando as ánimas; e ao pé do seu cruceiro, de veciños pregando para escorrentalas. Hai corenta anos que o historiador Xosé Manuel Broz asinou un poema sobre ese ritual, ben traído e interpretado para a ocasión con voces e música de Herba Grileira.

Nunha noite de inverno como a de onte, non só a previsión de choiva convidaba a quedar na casa. «Quen anda por aí. Son horas de retirar» , chamaba a atención o alguacil, a figura que tamén recobrou vida para advertir do paso da Santa Compaña. Na súa posta en escena tampouco se botaron en falta outros personaxes que, de igual xeito, puxeron en contexto a tradición: un acicalado alcalde, unha feiticeira, repartindo castañas de Indias contra a envexa, e un cronista, documentando a procesión, tamén fixeron retroceder un século no tempo a imaxinación do numeroso público que tivo o paso da Rolda por Melide.

A teatralización da Santa Compaña gaña en participación e en expectación, e iso satisface enormemente a quen promoveron, anos atrás, a iniciativa. O obxectivo pasaba por «dar a coñecer e recuperar unha cultura e tradicións propias e vinculadas ás datas que se celebran», lembra Cristina Vázquez Neira, arqueóloga do museo melidense, que expresa especialmente agrado por conseguir que «un acto cultural una a tanta xente dispar e cree, e ademais moita, complicidade entre eles». E é que a noite da véspera de Santos puxo en Melide fin (ata o ano que vén) a días de traballo conxunto en ensaios, preparativos, e obradoiros para elaborar as lanternas de cabaza que iluminaron as rúas, preparar os candís que portaron as ánimas, e, para os vivos, os rosarios feitos con zonchos que, non hai nin medio século, aínda facían os nenos, baixo a crenza de liberar con cada castaña unha ánima do purgatorio. «Tradición e cultura en vivo», como acertadamente conclúe unha das númerosas entradas que, estes días, se poideron ler no perfil en Facebook da galería etnográfica da comarca.