A prodixiosa nena de Melide que revolucionou a fotografía de estudio

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

NOGUEROL

Mary Quintero foi pioneira no retoque a cor e co proxector de fondos

22 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

De todas as sortes que, ás portas de abrazar os 93, di que tivo ao longo da súa vida, a primeira foi ser filla de Aurelio Quintero e Amadora Corredoira: «Se non nacera no colo dunha parella de fotógrafos, non sei o que sería», afirma. A segunda, ter un señor pai, fóra do común na súa época, que cría na intelixencia da muller: «O primeiro que fixo foi ensinarlle á miña nai a profesión para que o axudara. E no 1936, mandouna a Madrid para que aprendese a técnica de pintado das fotos», lembra. Ela, con 4 anos, acompañouna. E a terceira sorte foi terse criado nunha galería de cristal: «Ao volver da guerra, miña nai era quen lle daba cor ás fotos, e, para entreterme, deixábame pinceis cós que, sen darme de conta, empecei a pintar. Enriba, estaba asombrada co traballo de meu pai co revelador... era un milagre», conta.

Sobre eses tres piares cimentou a súa traxectoria a primeira fotógrafa que asinou unha exposición en Galicia: «Nuevos horizontes de la fotografía. Por la niña Mary Quintero». Foi no Círculo de Belas Artes de Lugo. No ano 1947. Por aquel entón, a muller á que o propio oficio situou, co tempo, ao carón de fotógrafos internacionais como Sebastiao Salgado, Oliveiro Toscani, Helmuth Newton ou Richard Avedon, era unha talentosa rapaza de 15 anos que, impulsada polo seu proxenitor, abría, na capital lucense, o seu propio e primeiro estudio de fotografía. Deixaba atrás, mais sen nunca perdela de vista, unha acertada e crucial formación en pintura, que perfeccionou en Madrid con Pedro Jaraba, o pintor co que a súa nai aprendera o retoque. Ela revolucionaríao anos máis tarde.

Nos perennes recordos dunha infancia, pese aos tempos, feliz repousa a reivindicación que fai Mary Quintero das súas raíces. «Mentres estivemos en Madrid, todo Melide estivo pendente daquela nai e da súa filla; non había maneira de saber delas», conta con eterno agradecemento, rescatando para o presente os anos da Guerra Civil, que as sorprendeu na capital cando a súa nai se formaba no oficio. Nin Lugo, a onde seus pais trasladaron en 1940 o estudio de fotografía, nin Vigo, onde desenvolveu a súa carreira dende a década dos 50, desterraron ao esquecemento a súa terra natal. Nela agarda ás portas do forno un xusto recoñecemento para dar a coñecer a figura dunha muller con 77 anos de prolífero oficio, recoñecidos en máis de vinte premios e homenaxes, profesionais e institucionais.

Non lonxe de Melide, na casa grande de Cumbraos, a aldea de Monterroso da que era natural o seu home e pai dos seus catro fillos, fai un repaso da súa traxectoria, a través dun catálogo editado pola Deputación de Pontevedra. Unha escolma de imaxes, entre o máis dun millón de negativos que forman parte do legado que doou ao arquivo histórico do organismo provincial, integran a publicación, que testemuña a evolución do traballo de Mary Quintero e da súa achega á fotografía dende o que foi o seu estudio na céntrica rúa Urzáiz. «Ese é o mérito meu. Eu —explica— non podía facer nada se a xente non me viña ao estudio, todo o que teño está feito entre catro paredes». Xeracións de vigueses puxéronse diante da cámara desta profesional que chegou a fotografar ata vinte e dúas parellas de noivos nun só día. Houbo un ano no que fixo máis de seiscentas vodas. Era, di, «a nena mimada de Kodak», que a distinguiu como a mellor fotógrafa de voda. Da man da compañía estadounidense, foi mestra de colegas de oficio cando estaba copado por homes. Kodak publicou os resultados da técnica de retoque que ela mesma creou cos coñecementos de coloreado que tiña adquirido na súa nenez e mocidade, e modificando a iluminación no estudio. Foi a solución á crise aberta no sector cando, nos anos 60, a fotografía a cor irrompeu en España. Ninguén coñecía a técnica.

Ata once persoas chegaron a traballar no estudio de Vigo, onde volveu situarse na vangarda do sector, empregando, por vez primeira en España e en Portugal, o proxector de fondos. «Tiña que buscar decorados, porque facía historias coas miñas fotos», explica. E aí están para ver, entre outras, as imaxes nas que captou a gloria e a decadencia dos anos 80, ou as súas premiadas fotografías de Carnaval. O traballo e técnica de Quintero divulgáronse en publicacións especializadas. E ela mesma compartiu xenerosamente o seu saber e talento en congresos que a levaron a viaxar por toda España e media Europa, e a voar ata Rusia, Venezuela, México ou Nova York. Experimentando coa cámara e no laboratorio, Mary Quintero tamén foi precursora de técnicas, como a luz negra ou a dobre impresión no negativo, que iluminaron novos camiños no oficio.

NOGUEROL

Fraga, Beiras, Mario Conde e Moncho Borrajo posaron para ela

Fotógrafa precoz cunha curiosidade innata, Mary Quintero foi tamén unha cativa pícara. Durante a súa formación en Madrid, onde tamén recibiu clases na escola de arquitectura que lle foron decisivas para a construción dos decorados no estudio, «ía aos mellores fotógrafos de España a facerme unha foto para observar, sen dicir que era fotógrafa», conta. Foi retratada por Amer Ventosa e por Juan Gyenes, fotógrafos de cabeceira das clases podentes da capital. Tamén ela as cativou. Nos seus inicios, miraron ao seu obxectivo a flor e nata da sociedade lucense, primeiro, e da viguesa, despois. Co tempo acabou sentando diante da súa cámara a empresarios e políticos de toda condición. Mary Quintero disparou sen distinción fotografías de campaña para o PSdeG, PP, e BNG. Beiras proporcionoulle «a foto que máis méritos me deu, e a máis sinxela que fixen, porque el é así, ten unha personalidade brutal», comenta. «A Fraga toqueille a cara, e ao presidente de Andorra levanteille o cu, porque quedaba moi baixo e eleveino cuns libros», rescata dun anecdotario profesional do que tamén forman parte outros rostros coñecidos como Paco Vázquez, Adolfo Domínguez, Mario Conde, Moncho Borrajo, Corina Porro, ou Mariví Dominguín.

Foi cara o final da súa carreira cando Mary Quintero se acabou de convencer do imposible que foi quen de facer na fotografía. Coa dixital «sacas o que queres. Era moito máis complexo ser fotógrafo antes», sostén. E aínda que mantén que as novas tecnoloxías «incentivan a creatividade», a principal calidade que ten que ter un fotógrafo é «a imaxinación», mantén esta veterana do oficio que rescatou das súas orixes a arte de pintar para seguir avanzando. Sempre na vangarda, a IA é a tecnoloxía coa que agora experimenta para ir pechando un círculo profesional no que só quedou coas ganas de retratar a outro prodixio de muller. «Soñaba con Grace Kelly», confesa.