De Petra e Venerando a Lucía e Hugo

n.noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

CEDIDA

Un estudo da mestra Socorro Cea amosa a riqueza onomástica de Melide dende 1785 ata hoxe, con nomes «longos, raros, curiosos e únicos»

21 ago 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

A curiosidade non sempre mata ao gato. Porque da decepción ao comprobar que en Melide nada máis ca trinta e pico mulleres levaron por nome o de Rosalía —a poetisa— nos últimos dous séculos naceu o entusiasmo pola «riqueza onomástica» que descubriu ten o municipio. «O máximo referente das nosas letras apenas está presente entre as galegas [...] e cómpre non esquecer que temos a oportunidade de facer cultura escollendo un nome que forma parte da nosa bagaxe cultural; a oportunidade de agasallar aos nosos descendentes un vocativo con peso, con significado, con historia e con coherencia no lugar no que viven, formando parte construtiva del», sostén Socorro Cea. Esta mestra melidá é a autora dun estudio sobre a onomástica do seu municipio natal dende o ano 1785 ata a actualidade; un traballo que contén nomes «longos, raros, curiosos e únicos» que Cea compartiu co numeroso público que este martes asistiu á presentación no museo etnográfico da comarca.

Causas culturais, relixiosas e sociais debullou a autora para explicar os «moitísimos» nomes propios que atopou de ata oito vocativos no rexistro civil de Melide, e tamén no propio do Bispado de Lugo, que resultou «imprescindible», porque as primeiras inscricións no municipal datan de 1871. Dous deles —un de muller, do ano 1849, e outro de home, do 1815— son os que seguen: Regina Rita Faustina Cocufata Rufina Elvira Casilda y Ascensión, e Manuel María Thomás Antonio José Ramón Andrés Luis de las Ánimas. Entre as curiosidades que observou, Socorro Cea puxo de relevo os nomes de Thomás, Thomasa e Theresa por estar escritos coa grafía «th», os de Caietano e Caietana por conter o «i» latino e non o grego, e o de Andrea, porque se dá a circunstancia, aínda que se descoñece por que, eran, noutro tempo, fillas de solteira. Nomes singulares e únicos atopou Cea uns cantos; entre outros moitos, Balbanera, Liberata, Nicasio, Petra, Venerando, Sinforosa, Wilgefortis, Nicerata, Olmos, Cita e Niso; nese último caso, Rodríguez Hernández, un reputado melidense de principios do século pasado ao que se lle recorda no rueiro da vila por, entre outro méritos, ter debuxado os escudos que recolle o exclusivo manual de etnografía «Terra de Melide».

Foi un dos descubrimentos que satisfixo a Socorro Cea, que afondou, por outra banda, na onomástica dos últimos vinte e cinco anos. Lucía, Uxía e Noa son os nomes que máis se repiten entre as cativas e as mozas de Melide; e Hugo, Manuel e Martín, entre os rapaces. Nese capítulo, a mestra melidá fai fincapé, entre outras variantes, nos nomes galegos: Uxía, Iria, Antía e Xiana son os máis frecuentes de muller; Brais, Anxo, Xoel e Breixo, os máis comúns de home; e Roque, Xosé e Cibrán, únicos, no último cuarto de século. En calquera caso, Socorro Cea dedicou o seu traballo «aos moitos melidenses que non tiveron pai, nai, familia, nin apelido ningún; melidenses que, con sorte, pasaron á Inclusa e o único que levaban era un nome».