Javier Cancela: «A nosa empresa non sería a que é se non estivese no medio rural»

M. M. REDACCIÓN / LA VOZ

MELIDE

Javier Cancela, director xeral de TMC Cancela.
Javier Cancela, director xeral de TMC Cancela. S. O.

O ciclo de conferencias, organizado por La Voz co apoio de Abanca, recalou no municipio de Melide para afondar nas oportunidades que brindan esas zonas

22 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Representa a segunda xeración dunha empresa con presenza internacional. Foi o seu pai, Manuel, quen puxo o xerme do que hoxe é TMC Cancela, empresa radicada en Tordoia especializada na fabricación de maquinaria agrícola e forestal. Javier Cancela, director xeral da compañía, presume de ter a fábrica de maquinaria agrícola máis grande a nivel nacional. El foi un dos protagonistas do foro O futuro do medio rural: retos e oportunidades organizado por La Voz co patrocinio de Abanca e coa colaboración da Fundación Juana de Vega, a Fundación Eduardo Pondal e o Concello de Melide.

«Meu pai empezou moi novo. Decidiu poñer un taller de reparación de coches e de tractores. Ao estar no medio rural, viñan a arranxar máquinas agrícolas, e, a partir de aí, empezou a facer algunha máquina, axitadores de xurro, que case non existían, ou astilladores de leña», lembrou Cancela. Así, pouco a pouco, a empresa foi medrando, abrindo outros mercados e orientando a súa actividade ás rozadoiras, unha das súas principais especialidades. Foi no 2007 cando o actual director xeral colleu o testemuño de seu pai. Fíxoo marcándose varios obxectivos: o principal, seguir medrando. «Cando collín eu a empresa fixemos un cambio para dedicarnos exclusivamente á fabricación e para centrarnos na trituración. Tiñamos claro que ese era o camiño que queriamos coller. No meu primeiro ano facturamos un millón de euros. Contei co apoio de meu pai, aínda que sempre me deixou o meu espazo». Tamén noutras decisións que marcaron un novo ritmo de TMC Cancela, como o deseño dunha nova imaxe corporativa: «Quería que cando alguén fose pola estrada e vira unha máquina xa identificase polas cores a nosa imaxe, que soubese que era unha Cancela».

Aspiracións

Na actualidade, TMC Cancela é líder, como fábrica, a nivel nacional. Dentro do sector, despuntan, tamén, na trituración, ocupando os primeiros postos no mercado internacional. No sur do país destacan as súas máquinas de trituración de poda de oliveira, amendoeiras e, en xeral, árbores froiteiras. No norte, en temas de colleita. O mercado peninsular, sumando Portugal, é prioritario para a firma, pero tamén os máis de 50 países aos que chegan. As cifras así o amosan: «Máis do 60 % da nosa actividade pertence a exportacións, e seguiremos crecendo». A pesar de que «acabamos de saír dunha crise do sector, que logramos capear ben, posto que seguimos medrando con dúas cifras», explicou. Agora, indicou, volven estar nun período de moitos pedidos, co mercado en movemento. E citou, entre os principais países, a Alemaña, Francia, os Estados Unidos, Australia e Nova Zelandia, entre outros.

Cun cadro de persoal de 160 empregados, a compañía precisa incorporar entre 20 e 25 persoas. Recentemente, recorreron a Perú para cubrir algúns dos postos de traballo que ofertaban.

A pesar desa pegada internacional, Galicia, e o seu medio rural, é o epicentro de TMC Cancela. Así o subliñou Cancela nas súas intervencións, chegando a asegurar: «A nosa empresa non sería a que é se non estivese no medio rural, téñoo moi claro. Nunha cidade non seriamos o que somos». Porque as vantaxes son moitas. E entre elas mencionou a facilidade á hora de dispoñer de espazo para expandir o negocio. Ter chan industrial dispoñible foi unha das fortalezas que Cancela mencionou á hora de analizar as oportunidades que lles ofrece o contorno rural. Pola contra, no capítulo das debilidades, mencionou unha das grandes dificultades coas que a compañía leva batallando dende hai anos: «Temos problemas de subministración de electricidade dende hai moitísimo tempo. Estamos intentando solucionalo e agora estamos niso, coa obra a medio realizar. É consecuencia de ter a liña de electricidade más longa da provincia da Coruña. E ocasiona problemas continuos de apagóns, cortes e problemas de potencia». Namorado do campo e convencido das súas posibilidades, Cancela animou ao público asistente a apostar por zonas coma a súa. E a aderezar as súas estratexias de esforzo, pero, sobre todo, de humildade e de precisión para coidar todos os detalles da cadea de produción.