«A lingua pode abrir máis negocios cos países que falan portugués» 

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

PADRÓN

«Hai que potenciar as semellanzas e que nos entendemos sen tradutores», afirma

27 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Para recoñecer a súa traxectoria de defensa da lingua portuguesa na comunidade galega, e ter promovido a Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), Ângelo Cristóvão, home de empresa ben coñecido en Padrón e na comarca, ingresou este verán na Academia das Ciências de Lisboa. «Con Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estraviz, profesores da Universidade de Vigo, fomos designados académicos correspondentes», explica.

-¿Que significa esta elección?

-Antes de nós xa o foran Ernesto Guerra Da Cal e Ricardo Carvalho Calero. Isto supón que a Academia portuguesa mantén continuidade en contar con persoas galegas; e significa que, a pesar da nosa condición de estranxeiros, algo ten que ver para eles o noso país coa lingua portuguesa. No meu caso, é unha honra e unha responsabilidade que me escollesen. Ao participarmos nesa institución poderemos ter iniciativa e presenza.

-¿Ve posibilidades de conseguir vantaxes económicas?

-A Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade polo Parlamento galego en marzo de 2014, recoñece o interese do aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa Lusofonía para o noso país. Nesa Lei consta que a lingua propia outorga unha valiosa vantaxe competitiva á cidadanía galega na vertente económica; e serve para a mellora do desenvolvemento social, cultural e tamén económico a través deses vínculos coa Lusofonía.

-Esa é a letra da Lei, ¿como se pode materializar na práctica?

-Coñezo ben a letra, pois fun das persoas que falaron con representantes do Goberno galego sobre as posibilidades que abre o noso idioma para a relación coa Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).

-¿Que posibilidades son esas?

-Alén das máis coñecidas, con Portugal e Brasil, no ámbito da construción naval, Angola e Mozambique precisan barcos para transportar gas e petróleo; Timor necesita colaboración da industria agropecuaria; ou Guiné-Bissau no desenvolvemento pesqueiro. Desde dentro da CPLP a nosa comunidade tería máis facilidades para abrir portas a empresas galegas interesadas, por iso insistimos nesa oportunidade.

-¿Hai algún precedente?

-O do propio Valentín Paz Andrade, por exemplo, que dá nome a esa lei recente: el foi quen favoreceu que a empresa galega Pescanova abrise negocios pesqueiros con Angola e Mozambique.

-¿Por que non se aproveitan xa esas posibilidades?

-Por descoñecemento e por non ter unha actitude apropiada. A AGLP xa propuxemos que a Xunta promova unha conferencia sobre oportunidades da economía galega nos países da CPLP. A lingua pode abrir máis negocios cos países que falan portugués, hai que potenciar as semellanzas e que nos entendemos sen tradutores. Como acontece en foros internacionais como o G20 ou o G8, onde se procuran vantaxes de proximidade e de identidade.

-¿Como ve os 8 anos da AGLP?

- Penso que fixemos un traballo eficaz en tres liñas: nas relacións institucionais, con máis de 35 entidades internacionais de países da CPLP e, a través deles, de outros como Canadá ou Arxentina; na investigación, con estudos como un Vocabulario Ortográfico; e nas publicacións. Foi un traballo dificultoso, sen axudas públicas e sen recoñecemento aínda das institucións galegas, que confío comecen a chegar, con diálogo fluído e positivo, a partir da próxima lexislatura autonómica.