As obras na zona de Fondo de Vila de Padrón descobren unha relevante canalización soterrada

Uxía López Rodríguez
uxía López PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

XOAN A. SOLER

A súa función principal foi de cloaca e saneamento da vila, pero tamén serviu como aliviadoiro das enchentas do río Sar

07 dic 2024 . Actualizado a las 05:05 h.

O Concello de Padrón organizou na tarde-noite do venres unha conferencia no auditorio na que as arqueólogas Andrea Cabaleiro e Pilar Fernández, da empresa DOA, deron a coñecer os resultados das intervencións arqueolóxicas realizadas o ano pasado e máis este na zona de Fondo de Vila, a raíz de obras de talleres de emprego. O acto, que foi presentado polo alcalde Anxo Arca, quen tamén é arqueólogo, contou cunha intérprete de signos.

As obras realizadas nos dous espazos (zona do cruceiro de Fondo de Vila e anexa) descubriron, tal e como explicou detalladamente Pilar Fernández, unha canalización soterrada da que moitos veciños aínda se lembran e da que mesmo lle falaran as arqueólogas no momento das obras, de xeito que comentaban que había un canal que bordeaba a vila polo lado este para acabar desembocando no río Sar, segundo contaron no acto.

A escavación arqueolóxica non so confirmou a existencia do canal do que falaban os veciños, senón que descubriu moito máis do que as propias expertas agardaban, segundo confirmou a relatora da conferencia. Deste xeito, descubriu unha canalización soterrada que documentaron dende o arranque da rúa Real ata desembocar no río Sar a altura da praza de abastos, de arredor de 15 metros de longo ao seu paso pola que chamaron praza do cruceiro de Fondo de Vila e de 33 máis na anexa.

Marabilladas

As arqueólogas documentaron todo o achado e así o presentaron na conferencia, na que se mostraron «marabilladas» polo atopado. Nesa canalización soterrada, que ten unhas medidas interiores de alto que van de 1,30 a 1,70 metros e de ancho de 1,40 a 1,70 metros, hai tres arcos de medio punto, que están en bo estado e mesmo unha zona, á altura do estanco, onde a estrutura se desdobra en dous canais cun muro central rematado a modo de pilastra. Cada un deses dous canais colle nunha dirección distinta e as arqueólogas so puideron seguir unha parte do trazado dun deles, o que vai en dirección á rúa Real, mentres o outro xa está tapado pola acumulación de recheo de pedra e outros materiais, segundo expuxeron as expertas. Tamén atoparon como unha especie de porta aberta onde o canal xira cara a esquerda e continúa o seu trazado, aínda que tamén está tupido por todo tipo de restos, segundo comentaron.

Tras o descubrimento de todo isto, procedeuse ao tapado da canalización de forma axeitada para a súa protección, antes de executar á obra de pavimentación do Concello. «Todo iso existe, está soterrado e protexido, no caso da praza do cruceiro a 50 centímetros do pavimento; e na de Fondo de Vila ata metro e medio por abaixo», sinalou Pilar Fernández, antes de explicar os usos da canalización.

As arqueólogas non teñen dúbida de que a súa función principal foi a de servir como sistema tradicional de saneamento da vila, como o demostran as distintas bifurcacións que conserva para dar servizo a diferentes rúas, polo que teñen claro que era a «gran cloaca da vila». Non obstante, as expertas falaron dun segundo uso da estrutura soterrada, como aliviadoiro das enchentas do río Sar.

Para as arqueólogas non é tan fácil datar a construción do canal. Así, aseguraron que nin o traballo de campo nin toda a documentación que manexaron lles permitiu facelo aínda que, en base a dous planos de Padrón dos anos 1799 e 1938, pódese ver que na primeira data a canalización xa existía, pero non estaba cuberta, e na segunda si o estaba. «Está claro que en 1799 xa existía a canalización, pero canto antes estaba non o podemos saber», concluíu a arqueóloga.

Visible

Ao rematar a presentación, un dos veciños preguntou por que nada do descuberto quedou á vista ou se non houbera a posibilidade mesmo de facelo visitable para os veciños, pero tanto as arqueólogas como o alcalde sinalaron que ese non era o obxectivo da escavación. Pilar Fernández incluso falou de que existen as chamadas ventás arqueolóxicas para que se vexan os restos, pero precisou que, neste caso, so permitiría ver a tapa do canal e non a estrutura en si.

O alcalde apuntou a posibilidade de instalar na zona un panel explicativo con toda a información sobre a canalización soterrada, para que os veciños e os de fóra coñezan esta parte da vila que non se ve. Anxo Arca tamén falou de seguir divulgando os resultados en redes sociais e a arqueóloga incluso lle propuxo facelo na páxina web do Concello.