
O xogador do Club Xadrez Fontecarmoa completou a súa colección de títulos autonómicos e estatais
23 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os Campionatos Galegos Individuais Absolutos de Xadrez disputados a pasada semana no Hotel Scala de Padrón contaron cos irmáns sanxenxinos Suárez Gómez coma grandes protagonistas. Julio, en calidade de campión masculino. Paula, repetindo por segundo ano a condición de subcampioa feminina, empatada a puntos con Lidia Zapata Campos, do Xadrez Benchosey, pero prexudicada nun desempate decidido por unha mínima diferenza.
Julio Suárez, Mestre Internacional do Club Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, rematou a cita autonómica invicto, con seis triunfos e dúas táboas nas oito roldas do programa. Diego Cacheiro, do Universidade de Santiago, e Xulio del Prado, do CX Ourense, acompañárono nun podio co que Suárez se axencia o título que lle faltaba, logo de lucir xa no seu palmarés todos os cetros galegos e españois en categorías base.
Os éxitos dos seus dous xogadores irmáns valeulle ao CX Fontecarmoa ser o mellor club no medalleiro, co CX Ourense e co anfitrión, o Ajedrez Padrón, completando o podio. O vindeiro mes, no mesmo escenario, será o momento de coñecer os novos campións galegos individuais das modalidades de lóstrego e de rápidas, ademais do do Autonómico por Equipos.