A familia de Camilo Agrasar doa a súa biblioteca galega á Fundación Rosalía de Castro

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

O presidente da fundación rosaliana asegura que ese legado ten «un notable valor bibliográfico ao incluír valiosos exemplares de libros e revistas do século XIX e XX»

28 may 2025 . Actualizado a las 14:50 h.

A familia do galeguista padronés Camilo Agrasar vén de doar a súa biblioteca galega á Fundación Rosalía de Castro, que xestiona a Casa-Museo da escritora en Padrón. O presidente da entidade, Anxo Angueira, asegura que esta biblioteca «ten un notable valor bibliográfico ao incluír valiosos exemplares de libros e revistas do século XIX e XX».

Ademais, segundo Angueira, «unha biblioteca é tamén un retrato da persoa que foi construíndo ao longo da súa vida. Dos seus volumes conservados podemos tirar a idea de que Agrasar foi un galeguista preocupado polo futuro dun proxecto cultural baseado no uso do idioma galego». Engade que non faltan tampouco obras que «tamén debuxan o claro perfil rosalianista» de Camilo Agrasar.

O presidente da Fundación sinala que «cando nos sexa posible desde o punta de vista estrutural, o noso obxectivo é crear no futuro a Biblioteca Galega Camilo Agrasar, tamén como homenaxe a un galeguista histórico que tanto fixo por Padrón e pola memoria de Rosalía de Castro». Pero isto non será posible, apunta o presidente da Fundación Rosalía, «mentres non se reforme o vello edificio do Centro de Estudos Rosalianos (CER)». A fundación padronesa leva meses á procura de financiamento para poder acometer esta obra, de modo que Anxo Angueira mesmo acudiu a Madrid en febreiro deste ano para reunirse co ministro de Cultura, a quen lle trasladou que «a obra é imprescindible e urxente porque o inmoble está nunha situación de colapso».

De feito, a reforma do CER  é a última que queda por acometer do conxunto da Casa-Museo de A Matanza. A renovación e reformulación do vello edificio é un dos obxectivos que se marcou Anxo Angueira para o mandato que iniciou en xaneiro deste ano. Xa entón falou de que o inmoble estaba en moi malas condicións e que a súa reforma é o que queda pendente «para completar a dignidade da Casa de Rosalía, que é fundamental na cultura de Galicia». Para iso, asegurou que «espera que as administracións sexan receptivas co proxecto de remodelación».

En canto á doazón, dende a fundación rosaliana sinalan que Camilo Agrasar (Padrón, 1907-1983), galeguista e republicano, tivo un papel fundamental para recuperar a Casa da Martanza. Formou parte do Patronato Rosalía de Castro e, anteriormente xa doara á Casa-Museo, entre outros obxectos, a bandeira galega utilizada na inauguración do monumento a Rosalía no Paseo do Espolón de Padrón, o 23 de abril de 1957, que fora utilizada por diversos colectivos da da Terra de Iria e do Barbanza e agora se pode ver no primeiro andar da Casa-Museo.

Ademais, O 15 de xullo de 2017 a Fundación Rosalía de Castro concedeulle á súa familia a insignia a Rosa de Galicia, que entrega a persoas ou institucións que destacaran na promoción do legado rosaliano.