A romaría do monte Santiaguiño de Padrón goza de boa saúde

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

Miles de persoas pasaron a xornada no espazo, que se encheu de vida e festa e no que o Concello repartiu de forma gratuita 1.500 racións de sardiñas con bolo preñado, cachelos e broa

26 jul 2025 . Actualizado a las 09:46 h.

O éxito de público do derbi asnal de Padrón repetiuse onte na romaría popular do monte Santiaguiño, que se encheu de ambiente festivo coa presenza de centos e centos de romeiros, animados polo bo tempo. Ás doce da mañá, no Campo do Souto había unha boa cola de persoas esperando polo servizo de autobús que contratou o Concello para facilitar a subida e baixada do monte. Dúas horas despois, seguía habendo cola no mesmo lugar.

Pero a gran espera foi a que se formou no monte para recoller unha das 1.500 racións de sardiñas, con bolo preñado, cachelos e broa que repartiu de forma gratuíta o Concello, xunto cun sombreiro conmemorativo da festa. O propio alcalde Anxo Arca e a concelleira de Festexos, Chus Campos, encargáronse de facer a entrega e o primeiro que se esgotou foron os sombreiros.

Namentres, o resto do monte desbordou actividade e ambiente, ocupado polas mesas e manteis das familias, grupos de amigos ou compañeiros que cada ano manteñen a tradición de pasar o 25 de xullo nese espazo, facendo grande a romaría.

Houbo autobús para subir e baixar do monte, pero moitos fixérono a pe pola escaleiras e, ao chegar arriba, xa se podía escoitar ao lonxe a música tradicional galega, entoada por algún dos grupos folclóricos que animaron a romaría. Polas escaleiras subiu, ademais, a procesión coa imaxe de Santiago, o Parrandeiro, que despois baixou pola estrada, en ambos casos acompañada de numerosas persoas.

Apoio popular

No monte, o alcalde Anxo Arca fixo unha valoración das festas do Santiaguiño e asegurou que o 25 de xullo «é un dos días grandes que ten Padrón, no que ata os santos bailan». Para o rexedor, onte quedou demostrado que «o Santiaguiño do Monte goza de boa saúde», unha vez que a romaría estaba chea de veciños, pero tamén de persoas da comarca e mesmo de visitantes.

Anxo Arca tamén se referiu á carreira de burros do día 24 e para el quedou claro que «ten un gran apoio popular, pero imos facer igualmente esa sondaxe para eliminar todo atisbo de dúbida», dixo. «Creo que Padrón debe e vai continuar tendo derbi asnal porque ten un grandísimo apoio por parte da xente. Non houbo ningún tipo de evidencia de maltrato animal; todo o mundo o pasou ben e creo que é unha boa iniciativa, polo que quero agradecer a Abufa a súa iniciativa de organizalo», asegurou o alcalde.