A Casa de Rosalía de Padrón xa ten aparcadoiro exclusivo, grazas á colaboración dunha empresa

La Voz PADRÓN

PADRÓN

CEDIDA

Son 27 prazas individuais e dúas para persoas con mobilidade reducida

16 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa de Rosalía xa ten aparcamento propio. «Estamos moi felices de poder anunciarvos que xa contamos cun aparcadoiro exclusivo para os/as visitantes da Casa-Museo, con espazo para tres autobuses, 27 prazas individuais e dúas para persoas con mobilidade reducida. A colaboración cunha empresa local fíxoo posible». Así comunicou a fundación con sede en Padrón a dispoñibilidade da zona de estacionamento, situada a un lado da estrada AC-242 en A Matanza, a poucos metros da casa da escritora.

A entidade cultural expresou o seu agradecemento á empresa que costeou o aparcamento, unha infraestrutura moi necesaria para a Casa-Museo, tal e como sinalou o presidente da fundación, Anxo Angueira, cando comezaron as obras. Así, sinalou que o aparcamento «é unha necesidade estrutural fundamental para nós, orientada sobre todo ao público escolar, que tiña problemas para aparcar os autobuses que traen nenos de toda Galicia e de máis aló». De feito, ata o de agora era posible ver aos autobuses deixar e recoller aos escolares na propia estrada, ao carecer dun lugar no que estacionar.