![](https://img.lavdg.com/sc/GFcpzqSIvf_c8668AV7KIiL7jq4=/480x/2024/11/15/00121731686102025199210/Foto/SN16C8F1_165332.jpg)
Para iso convidou ao campaneiro Mateo Vázquez, que resalta a calidade das pezas
16 nov 2024 . Actualizado a las 05:05 h.Os veciños da parroquia de Aguasantas, no concello de Rois, tiveron a oportunidade hai unhas semanas de escoitar o repenique das campás da súa igrexa de San Vicente tocado de xeito manual polo campaneiro máis popular de Galicia, o veciño de Vigo Mateo Vázquez, de 18 anos. Foi pola festividade da Virxe do Rosario, cando Mateo Vázquez recuperou o toque manual das campás. «Fixemos dous repiques á misa, máis as batalladas, toque de consagración e repenique da procesión», explica o campaneiro dende A Coruña, cidade na que cursa estudos de Terapia Ocupacional.
«A parroquia quedou encantada», conta Rosa Pérez, presidenta da comisión que organiza as festas de Aguasantas e que está formada por mulleres. «Había moito tempo que ninguén subía ao campanario a tocar as campás á man», engade a veciña de 63 anos, que tamén preside a comisión do cemiterio parroquial.
Antes de recuperar o toque manual das campás, Mateo Vázquez xa pasara por Aguasantas para ver a igrexa e o campanario e quedou impresionado. Tanto que preguntou na taberna que está xunto á igrexa quen era o campaneiro e xa lle confirmaron que non había. Por unha amizade da familia que é de Aguasantas, pero que vive no Barbanza, onde Mateo ten parentes, a comisión de festas da parroquia de Rois convidouno a ir tocar as campás. E así foi como pasou de admiralas a tocalas a man.
«Non me defraudaron para nada; son unhas campás de moi boa factura para a época, arredor de 1890 ou algo máis, fundidas no concello de A Estrada, que é onde estaban algúns dos mellores para iso. Teñen moi boa sonoridade, de modo que a vibración aguantou tres minutos. Foi unha sorte tremenda poder tocar esas campás e sempre dá gusto facelo nunhas tan boas», relata o campaneiro.
Mateo Vázquez explica que a zona de Rois, Noia e o Barbanza, en xeral, teñen igrexas con campás de «moi boa factura», de recoñecidas fundicións como Liste ou Ocampo. Ao mozo, a afección, ou máis ben paixón, polas campás xa lle ven de pequeno e agora «chámanme de moitos sitios para que toque. Non hai moita xente que o faga», di. En Aguasantas xa o convidaron a volver en xaneiro, para que repita o toque manual con motivo da festa patronal da parroquia, San Vicente. Mateo Vázquez irá «encantado», sempre que os estudos llo permitan, porque quedou marabillado das pezas e do seu son.