
Afirma que Santiago non vive da Catedral e si das áreas empresariais
24 may 2015 . Actualizado a las 13:28 h.Jesús Chenel seguirá ao fronte da área industrial do norte da cidade durante catro anos máis. Considérao case unha obriga, tras catros anos iniciais fondamente afectado pola crise e con limitadas posibilidades de manobra.
-Segundo treito presidencial para completar, ¿non?
-Presenteime para outros catro anos porque houbo unha crise xeralizada nese período, e entón neses catro anos non fixemos cousas que debíamos de ter feito por culpa desa crise. Por iso síntome animado para seguir e recuperar o non feito.
-¿Cales son eses obxectivos polos que vai arrincar?
-Unha das primeiras cousas que farei cando o goberno local estea formado é ter unha reunión con todos os grupos e explicarlles as necesidades e directrices do polígono para que todos as coñezan e se discutan. A partir de aí, unha prioridade fundamental é que se conecte o polígono de A Sionlla coa autopista e a autovía de Lavacolla, e coa N-550. Xa temos adxudicada a obra de ampliación do acceso ao Tambre e xa falamos coa empresa. Espera mos que mesmo antes de agosto comece a obra. Logo é primordial tamén a conexión do polígono coa estrada de Santa Comba para nós e para os veciños da avenida de Castelao. Con estas obras vai estar esta parte da área empresarial ben comunicada.
-¿Ten futuro A Sionlla sen esas conexións?
-Falámolo xa cos grupos políticos. Non hai un chan como ese en Galicia. Está estratexicamente moi ben situado, no centro de Galicia. É un luxo para as empresas que se instalen aí. Pero se temos ese solo e non dispoñemos de boas comunicacións, a xente non se atreve a comprar. É un polígono atractivo pero ¿por onde saio? ¿Por onde entro co camión? Teño o convencemento de que iso se vai solucionar antes de que estea a pleno rendemento, porque senón será o caos. Aí vanse crear moitos postos de traballo e eses empregos créanos as empresas.
-Santiago non é so a Catedral.
-Temos que saír da Catedral, Santiago non é a Catedral, esta é unha parte importante da cidade. A día de hoxe Santiago non vive da Catedral, nin pode facelo. Nin da Universidade, que é moi importante para Compostela. Temos que abrirnos a crear empresas, a atraer á xente da comarca, debemos ter boas comunicacións coa contorna de Santiago. Para que Santiago sexa máis que catro rúas hai que crear empresas e empregos. Nós traballaremos para a expansión dos polígonos.
-Houbo unha forte demanda de solo no seu momento.
-Santiago tivo o gran problema de estar tantos anos sen chan industrial. Se chega a telo cando a economía ía polas nubes, onde non había un día a semana no que a xente non chegase aquí preguntando por solo, isto sería moito máis extenso. Non podemos caer nese pecado grande outra vez. Entón trátase de ir iniciando estudios para trazar o futuro e pedimos, se se vai levar a cabo o peche do periférico, destinar un área de solo industrial nesa zona, onde hai solares amplos e axeitados para o crecemento con pouco custo expropiatorio. Mesmo lle propuxemos no seu día ao director de Demarcación de Carreteras que, se se executa o proxecto viario de Ordes a Padrón, que veña polo polígono do Tambre e aí aproveite para facer o periférico e o cinto da cidade. E nós, a súa vez, aproveitaríamos para a creación de novo solo industrial.
jesús chenel noya presidente da asociación de empresarios do polígono do tambre
«Antes entrabas nun banco e o director da oficina escondíase. Agora xa chama el»