Utilizan a técnica da luminiscencia do cuarzo para tratar de determinar con precisión a idade dos xacementos prehistóricos achados en Monforte e Triacastela
02 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Un equipo científico da Universidad Autónoma de Madrid visitou o pasado mércores os xacementos paleolíticos de Monforte e Triacastela a fin de recoller mostras que servirán para realizar datacións radiométricas nas que se intentará determinar a idade dos asentamentos humanos que existiron nestes territorios en etapas moi diferentes da prehistoria. Unha destas análises efectúase no xacemento das Lamas, onde un equipo de investigación coordinado pola Universidade de Santiago está realizando escavacións. Así mesmo, tomáronse mostras no xacementos do Regueiral, tamén en Monforte, e Cova Eirós, en Triacastela. O interese que presenta esta fase da investigación débese en boa parte ao feito de que estes xacementos pertencen a dous períodos cronolóxicos sucesivos. Os do Regueiral e Cova Eirós están encadrados no Paleolítico Medio, a época en que viviu o home de Neandertal. O xacemento das Lamas foi adscrito polos arqueólogos a unha época máis antiga, o Paleolítico Inferior, e teoricamente correspondería ao Homo heidelbergensis , a especie humana que precedeu aos neandertais. Precisar a antigüidade destes xacementos, polo tanto, podería ser moi útil para reconstruir a evolución dos diferentes poboamentos que se sucederon no territorio lucense e resto do noroeste ibérico, así como para coñecer as estratexias de supervivencia e de aproveitamento dos recursos que utilizaron dúas especies distintas que ocuparon, unha despois da outra, un mesmo territorio. Método avanzado Para realizar estas datacións empregarase un método avanzado que se foi perfeccionando e xeneralizando nos últimos quince anos. Trátase da técnica coñecida como luminiscencia estimulada opticamente ou OSL, que se basea na propiedade do cuarzo de emitir luz cando é aquecido. A estrutura cristalina deste mineral sufre determinadas alteracións cando absorbe os raios gamma emitidos polo sol. Cando o cuarzo é sometido ao efecto do calor, desprende luz nunha cantidade que é tanto maior canto máis tempo estivese exposto o mineral á radiación solar. Utilizando esta propiedade natural, a técnica OSL permite medir no laboratorio o tempo que un fragmento de cuarzo leva enterrado no subsolo. Este sistema, segundo explica o arqueólogo Arturo de Lombera, codirector das sondaxes das Lamas, «é especialmente adecuado para o territorio galego, que é moi abundante en cuarzo. Analizando con este método as partículas de cuarzo que se encontran nunha determinada camada do terreo é posible saber en que época se formou e por conseguinte permite fixar a idade dos artefactos que apareceron enterrados nesa camada», engade. Os resultados tardarán cerca de seis meses en coñecerse, xa que estas análises requiren bastante tempo e o laboratorio universitario que as realizará ten moitos outros traballos pendentes. O sistema OSL, por outro lado, só permite remontarse no tempo uns 300.000 anos. «Os xacementos de Cova Eirós e do Regueiral están con seguridade dentro dese límite cronolóxico», sinala De Lombera. «O das Lamas podería ser máis antigo, pero é pouco probable, e en todo caso a análise daríanos unha referencia sobre a súa idade moito máis concreta que a que temos agora», agrega.