O traxe galego brilla nas rúas e en Raxoi

CLARA ARIAS / R. m. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Á parte do desfile popular, a feira da Quintana acolleu outro de traxes tradicionais modernizados

30 jul 2023 . Actualizado a las 00:13 h.

O traxe galego, coas súas múltiples formas, cores e tecidos, brillou onte en Compostela, entre a admiración dos moitos turistas que ateigaban a cidade e dos propios composteláns, aos que as Festas do Apóstolo lles brindaron de novo a ocasión, e xa van corenta e catro anos, de desfrutar desoutro sinal de identidade galego, o que garda a vestimenta tradicional. Organizado pola Asociación do Traxe Galego, o Día do Traxe estendeu as actividades de exaltación do atavío tradicional ao longo de toda a xornada con desfiles, exhibicións e o certame vespertino que permitiron lucir a vestimenta tradicional arredor dos lugares máis sinalados da zona vella.

A Alameda serviu de novo de lugar de encontro e arranque do desfile polas rúas da cidade histórica, ata San Paio de Antealtares, de onde saíron os seus participantes, logo dun oficio relixioso, para deleitar ao público cun novo recorrido ata a praza do Obradoiro e asistiren á habitual recepción que o Concello fai aos seus integrantes. Mentres, na Quintana, a Feira do Vestir «De onte a hoxe» celebraba a súa segunda edición con catro marcas do téxtil (Bulideira, De Cotío, Na Ristra e Lumecú), dúas de xoiería (Susi Gesto e Zeltia O Aire) e unha que utiliza palla para confeccionar accesorios (Trenzarte) e facía o seu propio desfile na mesma praza con algunhas suxerencias modernizadoras do traxe tradicional.

Arrancou Lumecú coa proposta creada por Mercedes Veites, que parte das raíces da cultura galega aplicándoa con tecidos naturais ou orgánicos. «Decidín formar Lumecú no rural porque é o lugar que me inspira, onde creo, e onde nace o meu sentimento», explicaba Mercedes. Outra marca que pretende conservar a tradición da vestimenta e accesorios de Galicia é Susi Gesto, que crea as súas xoias «conservando a mestría técnica que require este oficio», pero tamén innovando. «Dei ás miñas creacións unha estética máis contemporánea e adaptada aos nosos tempos», subliñou a ourive.

Cada unha destas marcas contaba cun posto na feira da Quintana, que, ao rematar o desfile, se encheron de xente interesándose polos atuendos e accesorios presentados na pasarela. Un espazo infantil animou tamén aos máis novos a confeccionar accesorios artesanais.

PACO RODRÍGUEZ

Ampla participación de edís con atavío tradicional na recepción municipal

Unha ampla representación da corporación municipal sumouse onte á exaltación do traxe galego. Once edís, practicamente a metade (son 25), e de todas as formacións políticas, participaron na recepción a quen durante a mañá deu conta polas rúas de Compostela da riqueza do traxe galego. Todos os munícipes ían ataviados nesta ocasión, a que máis, coa vestimenta que xustamente exaltaba a xornada, dando mostra dun legado cultural que a presidenta da Asociación do Traxe, Consuelo Vázquez, pediu que «se manteña en pé», ao igual que o exaltamento, «que xa forma parte da historia de Santiago». A recepción, na terraza de Raxoi, estivo presidida pola voceira de Compostela Aberta, María Rozas, neste caso, alcaldesa en funcións, pola ausencia de Goretti Sanmartín (BNG), que onte asistiu en Tarragona á asemblea das cidades patrimonio.