José María Costa Lago, micólogo: «Moitos van ao monte polo pracer de coñecer cogomelos, non por apañalos»
SANTIAGO CIUDAD
Resalta a riqueza de fungos existente nas zonas verdes de Santiago
21 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Máis que unha afección, xa é unha forma de vida». Así ve a micoloxía José María Costa Lago despois de dar os primeiros pasos no estudo dos fungos a principios da década dos 90 da man de Luís Freire, un dos expertos neste ámbito máis destacados en Galicia. «Abriume os ollos a un mundo que eu non coñecía. Creo que unha das cousas máis bonitas que hai é ensinar a alguén que non sabe e quere aprender», afirma. E iso é o que tamén leva facendo José María Costa durante case dúas décadas, impartindo cursos, guiando rutas ou con charlas, como as destes últimos días en Conxo durante a nova edición da Semana Micolóxica. «Cada vez hai máis afeccionados aos cogomelos, pero non só polo interese gastronómico, senón por unha cuestión científica, por un afán de aprender», explica José María Costa.
Para o micólogo, esta crecente afección polos fungos pode explicarse tanto pola labor divulgativa levada a cabo polas asociacións micolóxicas durante as últimas décadas como tamén polas novas tecnoloxías e internet, «que permiten ter un maior acceso á información, que non quere dicir ao coñecemento». Costa precisa que medrou especialmente o interese científico polos fungos: «Antes vía xente que ía ao monte para apañar cogomelos —aínda van—, pero hai moitísima, cada vez máis, que vai polo pracer de coñecelos. Moitos van por identificar as especies, por pórlle nome, facerlle unha fotografía...».
Este maior recoñecemento que se lle dá aos fungos tamén se aprecia nos propietarios dos montes, tanto comunidades como particulares, xa que «son máis conscientes desta riqueza que antes non se lle daba importancia. [...] Vendo o prezo que acadan certas especies de cogomelos silvestres comestibles danse conta de que se pode aproveitar». Un aspecto que José María Costa considera positivo, porque «o monte canto máis se traballe, máis coidado vai estar». Esta nova visión provoca que «esa imaxe da xente como ía antes por calquera sitio enchendo cestos de cogomelos vaia desaparecendo». Ao respecto, lembra que só se poden recoller un máximo de dous quilos por persoa ao día.
E, en Santiago, hai oportunidade de gozar moito da micoloxía? «En Compostela temos unhas zonas verdes marabillosas e cunha riqueza en cogomelos tremenda. Por exemplo, no bosque do Banquete de Conxo é un bosque de ribeira precioso onde hai cantidades de cogomelos. Todos os anos vou tres-catro veces a facer fotografías, a identificalos... O mesmo pasa coa Alameda, a Selva Negra e a Granxa do Xesto», responde. Para o micólogo, a clave para atopar os fungos «sexa con fins científicos ou con fins gastronómicos, é coñecer ben os hábitats onde se desenvolve cada especie. Por exemplo, se queres apañar níscaros (lactarius deliciosus) non vaias a unha carballeira, tes que ir a un piñeiral xa que saen asociados ás coníferas. Despois, nos prados é onde podes atopar o agaricus campestris ou champiñón silvestre, que é moi raro que o atopes no medio do prado. [...] En soutos e carballeiras temos cantarelas, lingua de vaca e os boletus».
Este ano, apunta José María Costa, os cogomelos están chegando con algo de retraso, «quizais polas temperaturas, que aínda son altas este ano». Apuntou que se ben a chuvia favorece o seu crecemento, o recente temporal estragou moitos exemplares. «O vento dánaos moito», detalla. Por outra banda, o micólogo lembra a importancia de coñecer os cogomelos «para evitar confusións que poden ser mortais» no caso de inxerilos. En todo caso, incide en que os fungos teñen unha función na natureza, así anima a respectalos porque, máis alá de que sexan comestibles ou non, «son bonitos e alegran a vista».