O legado gandeiro de Val do Dubra, en mans da mocidade

L. L.

VAL DO DUBRA

L. L.

As novas xeracións garanten o futuro das 133 explotacións que seguen activas na localidade

29 feb 2024 . Actualizado a las 19:30 h.

Había de estar orgulloso Balbino, aquel «rapaz de aldea» das Memorias dun neno labrego por ver a rapazada de Val do Dubra e a súa ilusión polo rural e por manter vivo un sector que, malia ver cuestionada a súa supervivencia, segue dando de comer a moitos. Moitos mamaron o amor pola gandería e o sacrificio da profesión e esta segue a ser a sorte de mozos e mozas que ven na aldea o seu devir profesional. En Val do Dubra continúan en activo 133 explotacións, cun censo de 5.387 cabezas de gando bovino, un reflexo da importancia histórica deste sector no concello, especialmente no lácteo. Así, os procesos de actualización e modernización son palpables e a calidade vai en aumento.

Froito deste futuro que agora é presente, hai moita xuventude formándose en especialidades do sector e incorporándose á actividade agraria. Quen lle ía dicir a Vicente de Neiro que a súa neta, Melania Noya, da Gandería Noya Neiro SC de Niveiro, se amarraría aos azos que sempre lle deu para seguir coa explotación e vela medrar á vez que anhela seguir formándose en variedade de escolas de xuíces de concursos morfolóxicos en España e no resto de Europa: «O avó, referente onde os haxa, foi pioneiro en crear unha gandería, os meus pais seguiron ese legado e sinto a necesidade de formarme, sen deixar a raíz coa que nacín. Gústame estar vencellada ao campo e estou orgullosa de vir de onde veño».

Con esa paixón como vínculo tamén medraron os irmáns Simón e Sergio Blanco, da Gandería Queirugueira SL, do lugar de Vilalba. Son dous rapaces de 16 e 14 anos aos que lles gustaría seguir coa granxa familiar. Simón, que cursa o ciclo medio de Agropecuario en Fonteboa e participa en diferentes concursos, destaca a evolución do sector xa que «agora hai moitos máis datos para analizar que supoñen a mellora do benestar animal, unha mellor calidade de vida». Sinalan o amor polo campo «onde todos nos axudamos e onde tamén coma individuos temos máis espazo».

Con algúns anos máis de experiencia, no lugar de Buxán, atópase Toni Pumar da Gandería Pumar. Este mozo de 35 anos atopou na súa formación de programación un dos aliados no sector, que ve que evoluciona de xeito positivo; «apoderámonos un pouco máis, porque estamos empezando a entender as explotacións coma empresas». Con todo, fala «dos inputs negativos do sector e do descoñecemento deste. A xente non sabe que é a PAC, non imaxina como nos prexudica a suba ou baixada de certos impostos, o reparto das axudas, o gasto e investimento diarios…». Convida a coñecer o sector e ver «o traballo, dedicación e esforzo que hai detrás». Todos destacan a posta en valor do sector con respecto á época dos seus pais, agradecidos de ser fillos e fillas do oficio máis bonito e libre do mundo.