«Cantaba cun feixe de herba na cabeza»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

VAL DO DUBRA

Paco Rodríguez

O CPI de Bembibre de Val do Dubra homenaxeou á pandereteira Nieves Bello e á cantareira Manuela Fernández 

27 may 2025 . Actualizado a las 10:38 h.

Manuela Fernández ten 86 anos e unha memoria case infinita, pero das poucas cousas que non pode lembrar é cando cantou por primeira vez, porque na súa casa só unha das irmás naceu sen ese don que ela cultivou desde sempre, agás nos reveses máis duros da vida. Nieves Bello, tamén dubresa, é un pouquiño máis maior, xa que hai un mes celebrou o seu 90 aniversario. Como agasallo recibiu dúas pandeiretas, un instrumento que ata que cumpriu os 22 anos estaba moi presente na súa vida. Case setenta anos despois, moi emocionada polo agasallo, as súas mans bulen sen parar lembrando aqueles toques de pandeireta que facía canda moza e que agora está a recuperar cunha ledicia nos ollos que lembra os versos de Rosalía de Castro Na fronte unha estrela, no bico un cantar e que xa demostrou nalgún encontro familiar celebrado nese aniversario que lle devolveu as ganas de darlle de novo á pandeireta.

 

Nieves e Manuela representan a xeración de galegofalantes que mantiveron vivo o noso idioma en períodos nos que non se podía falar ou non estaba moi ben visto. Este contexto foi o que lembrou a compostelá de Marrozos Cristina Sanín Míguez, profesora do Colexio Público Integrado de Bembibre e impulsora do acto que recentemente reuniu no colexio a Nieves Bello e a Manuela Fernández, acompañadas de José Manuel Iglesias, Chiño, para trasladar as súas lembranzas ao alumnado deste centro dubrés.

Esta profesora, moi afeita a que sempre lle pregunten se o seu apelido ten algo que ver co afamado artesán de instrumentos tradicionais, responde que non, malia a que na súa conversa asoma a súa tenra relación coa música e a pandeireta. Foi unha das súas avoas a que lle meteu a querenza por elas, e iso levouna a tomar clases de pandeireta e de canto nunha asociación da súa parroquia.

Remexendo nos seu cadernos de canda nena, Cristina atopou unha peza titulada Cantar de Bembibre, e despois das pertinentes comprobacións soubo que ese Bembibre era o que lle daba nome ao colexio no que exerce desde hai seis anos, e sen ganas de marchar. Falou co equipo directivo do centro para argallar algo especial co gallo das Letras Galegas, para que o alumnado fose consciente da tradición dubresa neste eido. Polo medio, e grazas a unha publicación de Instagram, soubo de Nieves e Manuela e xa tivo claro que as dúas tiñan que ser unha peza fundamental neste acto. 

Estas mulleres cheas de enerxía deixaron a súa pegada e a súa arte no traballo Tocadoras do Val do Dubra, publicado por aCentral Folque e presentado no auditorio de Bembibre, a carón mesmo do colexio, a véspera do día oficial das Letras Galegas. 

Nieves recoñece que «xa non toco coma antes, pero eu dígolles que me teñen que dicir que o fago moi ben para non poñerme tan nerviosa», sinala sen deixar de rir e contaxiando tamén a Manuela, á que lle di que «me ten que aguantar porque ela si que canta ben». Cada unha é dun pobo distinto de Val do Dubra, separados polo río e unidos por unha ponte. Xa se coñecían de mozas, ata o punto de que lembran cando se botaban as típicas picadas entre aldeas, algunhas delas cantando.

Manuela sempre se lembra cantando: «Cantei desde pequena, cantei moito, cantabamos cando iamos coller o trigo, a herba seca e tamén ao monte. Eu ata cantaba cun feixe de herba na cabeza, e as rapazas víñanme buscar á casa para ir ao muíño tamén cantando. Cantaba de seguido e meu pai, unha vez que estaba enfermo na casa dicía: esa ‘condenada', dígolle que apague a radio e ponse a cantar!».