Empresas galegas asisten en Cannes ao principal mercado de contidos televisivos do mundo
PLATA O PLOMO
? Consorcio Audiovisual de Galicia, a través da Galicia Film Comission, asiste desde hoxe a unha nova edición do Mipcom, o mercado de contido televisivo e multimedia máis importante do mundo, e que se celebra ata o venres na cidade francesa de Cannes. Neste encontro danse cita máis de 12.000 profesionais, case 4.000 empresas e máis de 1.500 expositores, procedentes de 90 países, co obxectivo de comercializar e promover os seus produtos. O Consorcio Audiovisual de Galicia, en colaboración coa Televisión de Galicia, pon a disposición das empresas asistentes un stand para facilitar o desenvolvemento dos encontros entre profesionais. Nesta ocasión, asisten cos seus proxectos Continental Producciones, Isabella Audiovisual, tdtv.tv Distrivisión e a Televisión de Galicia. Ademais, a Universidade da Coruña estará presente para seguir promovendo o seu curso de postgrao Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais. O obxectivo do consorcio no Mipcom é actuar de apoio ás compañías para que os profesionais galegos entren en contacto cos principais axentes do panorama internacional, así como compradores ou coprodutores. En Galicia prodúcense anualmente arredor de 15 longametraxes de ficción, 12 películas para televisión, 20 documentais e 6 series de televisión. Estes encontros poden sentar as bases para posibles relacións de coproducións que faciliten a realización de proxectos conxuntos.