Aire de Lonxe

SOCIEDAD

A ESTAS HORAS aínda deben de fumear as cinzas das últimas luminarias do San Xoán, que durante a noite, coa luz das brasas, purificaron o mundo espantando a escuridade, mentres as bruxas fuxían baixo as estrelas, e as sardiñas, que tamén son unhas señoras moi respectables, se ían asando. Estes días, os máis longos de todo o ano, permiten ver pasar no horizonte, ante as costas de Galicia, sen outro requisito para logralo que botarlle algo de ilusión á mirada e poñer no empeño un certo entusiasmo, as misteriosas illas que, fartas de contemplar sempre a mesma paisaxe, xa decidiron botarse a navegar por conta propia na antigüidade, cando os pergamiños xuraban que a terra non viraba. Son as illas ambulantes, espertadoras de tantas fantasías, que talvez sigan ás esquivas barcas de pedra nas que santos de vocación peregrina e xenealoxía a miúdo cuestionable -que labraron a súa lenda espantando dragóns e amansando feras voraces-, fan agora, de vellos, turismo polo Atlántico. O olor das rosas perfuma as casas nas que os pétalos das flores se botan en auga, e hoxe o amencer non borra o convencemento de que a parroquia dos vivos e a dos defuntos están, sobre todo nas festas sinaladas pola forza do instinto, máis unidas do que outras veces pensamos. Conforme abra a mañá, na serra da Capelada rincharán os cabalos bravos, que galopan pola eternidade, e o aire traerá do lado do mar, de Santo André de Lonxe, o son das campás de bronce que sinalan, baixo o firmamento, o lugar no que Europa acaba. Acendo o teléfono móbil, e dentro del atopo unha mensaxe de Assumpta Roura, que fala das sagradas pedras do Grande Reino de Don Merlín. O mago, por certo, contoume hai pouco que anda a coser outro traxe novo, con moitos deuses de Grecia e de Roma retratados con fío de ouro polos brocados. A miña nena pintoume onte nun debuxo. Vivir, certamente, é un moi fermoso regalo.