| O |
24 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.A ESTAS HORAS aínda deben de fumear as cinzas das últimas luminarias do San Xoán, que pola noite, coa luz das brasas, purificaron o mundo espantando as escuridades, mentres as bruxas fuxían baixo as estrelas, e as sardiñas, que tamén son unhas señoras moi respectables, se ían asando. Estes días, os máis longos do ano, permiten ver pasar no horizonte, sen outro requisito para logralo que botarlle algo de ilusión á mirada, as misteriosas illas que, fartas de contemplar a mesma paisaxe, xa decidiron botarse a navegar na antigüidade. Son as illas ambulantes, que talvez sigan ás barcas de pedra nas que santos de vocación peregrina e xenealoxía a miúdo cuestionable, que labraron as súas lendas espantando dragóns, fan agora, de vellos, turismo polo Atlántico. O olor das rosas perfuma as casas nas que os pétalos das flores se botan en auga, e hoxe o amencer non borra o convencemento de que a parroquia dos vivos e a dos defuntos están máis unidas do que pensamos. Conforme abra a mañá, na Serra da Capelada rincharán os cabalos bravos, que galopan pola eternidade, e o aire traerá de Santo André de Lonxe o son das campás de bronce que sinalan o lugar no que Europa acaba. Acendo o teléfono, e atopo unha mensaxe de Assumpta Roura, que fala das pedras do Reino de Merlín. O mago, por certo, contoume hai pouco que anda a coser outro traxe novo. Vivir, certamente, é un moi fermoso regalo.