La Voz de Galicia, distinguida co Premio Galicia Comunicación 2007

La Voz

SOCIEDAD

21 dic 2007 . Actualizado a las 02:27 h.

La Voz de Galicia foi distinguida onte co Premio Galicia Comunicación 2007 á Mellor empresa no campo da comunicación. O xurado valorou a súa preocupación e esforzo na defensa de Galicia, a súa xente e a súa cultura ao longo dos 125 anos que vén de cumprir a cabeceira.

Na distinción tívose en conta ademais o seu esforzo no campo editorial a través da edición e publicación de obras emblemáticas como as iniciativas Biblioteca Galega de Escritores Universais, a Biblioteca Galega 120 ou a recente Gran Historia de Galicia.

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia deu a coñecer onte os premios do 2007, no día no que o escultor Acisclo Manzano presentou a Deusa da comunicación, o galardón que este ano recibirán os premiados. A ceremonia de entrega terá lugar no mes de xaneiro.

O xurado encargado do premio á mellor empresa ou institución que destacase por un singular esforzo no campo da comunicación estivo composto por Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega, quen actuou como presidente. Os vogais foron: Xosé Luís Axeitos Agrelo, académico numerario da Real Academia Galega; Xosé Luís Barreiro Rivas, director do Departamento de Ciencias Políticas e da Administración da Universidade de Santiago de Compostela; Manuel González Menéndez, presidente da Federación Galega de Asociacións de Periodistas; Xosé López García, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Arturo Maneiro Vila, presidente da Asociación de Xornalistas de Galicia e Xosé Soengas Pérez, director do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.