
Décimo oitavo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé
18 ago 2015 . Actualizado a las 17:14 h.-En abril comezará a fase de xuízo oral. Sabes que non estarei presente como o teu avogado. Diso ocuparase o bufete que contratei. Son os mellores. O dereito penal nunca foi a miña especialidade. Pero as estratexias dese xuízo imos deseñalas agora.
-Non vou deseñar nada. Matei a Marcos. Declarareime culpable e punto. A vida de Val Valdés leva sendo un espectáculo público catorce anos. Non vou consentir que este xuízo se alongue innecesariamente. Mantente afastado, Martín. É unha orde.
-Téñoche dito que non fales de Val Valdés en terceira persoa. É enfermizo. Dáme igual o que penses. Dende o momento que me ordenaches facer ese poder, convertíchesme no teu cómplice.
-Non, se dis a verdade.
-Pero non a direi.
-Se queres mentir faino, pero non botes esa responsabilidade por riba de min.
-Cando o xuíz che pregunte como te declaras, miraralo de fronte con eses famosos ollos teus, que por unha vez na túa puta vida van servir para algo. Non pestanexarás. Non tatexarás. Erguerás a túa voz. E dirás moi clariño: inocente. Entendiches Val? Inocente. Deletréocho? I-N-O-C-E-N-T-E.
-Cala -berrou ela -esqueces que tamén estudei dereito? A min ninguén me dá ordes.
-Ese é o teu problema. Que non obedeces. Que eu saiba, as túas decisións leváronte a estar metida no cárcere.
-Non vou deixar que tomes decisións por min. Acabo de dicir que quero un xuízo curto. Aceptarei a condena. Sabes que nuns anos estarei fóra. Téñoo todo ben calculado.
-Non o dubido. Sabes que? Tés medo. Non podo crelo, a estas alturas da túa vida! Medo de que? Dun xurado popular? Do que se poida dicir de ti? Deus, Val! Bota a vista atrás. Fuches a estrela de Sobrevivindo. O país enteiro coñece cada lunar do teu corpo.
-Eran outros tempos. Cada pestanexo meu nesa sala do xulgado será viral en dúas horas. No ano 2000 non había Facebook, nin Twitter. Non son un animal de circo. Non vou selo máis. Non teño necesidade.
-Trabúcaste. Levas catorce anos construíndo unha vida para Roi. Se saes deste xuízo inocente, todo cobrará sentido. Así que dime que te declararás inocente e eu encargareime de que o xurado popular o crea.
-Non o farei. Matei a Marcos. E volvería matalo. Era un cabrón e un desgraciado.
-E o pai do teu fillo.
-O pai do meu fillo é Matías Wagner.
-Nos papeis. Canto tempo máis cres que poderás manter a túa versión?
-Dígoche que non o farei.
-Faralo porque se non metereime toda a coca de Madrid e arredores, ata que funda ata o último dos xenerosos soldos que me pagaches nestes nove anos.
-Cres que me importa?
-Non o creo. Seino. Ben, se non te convenzo así, tereiche que facer entrar en razón.
Martín estendeulle un papel que sacou do maletín. Val mudou o seu rostro.
-Como o soubeches?
-Son o avogado do segundo grupo empresarial máis importante deste país. Non me subestimes.
-Alguén tivo que dicircho.
-Ou non. Díxenche que non me subestimases. Xa ves que quedar calada dentro destas catro paredes non che asegura nada. Falemos claro. Vas seguir todas e cada unha das miñas instrucións. De acordo?
-Eu?
-Está claro? -berrou el.
Ollouno furiosa.
-De saber que eras tan fillo de puta non te tería contratado.
-Sabías exactamente como era. Que o obviaras durante nove anos non quere dicir que non o soubeses. Agora repasemos a estratexia do xuízo. Chamaremos a declarar a quen me pete.
-Non quero.
-Non se trata do que queiras. E cando o xuíz che pregunte como te declaras, que dirás?
Val permaneceu calada uns segundos. Despois levantou a vista e mirouno aos ollos.
-Inocente.
RESUMO
Tralo asasinato e posterior detención de Val Valdés pola morte dun home en Santiago, o seu fillo Roi e o seu avogado Martín intentan dilucidar as causas que levaron a Val a cometer o crime.
A parella decátase de que Val tiña planificado o asasinato con anterioridade e que as posibilidades de que sexa declarada inocente son practicamente nulas. Martín amósalle a Roi o resultado dunha investigación privada sobre o finado Marcos, concluíndo que é máis ca probable que Marcos fose o pai biolóxico de Roi.